quarta-feira, 10 de abril de 2024

Un gran Paco Martín



Escrito por RAMÓN NICOLÁS 

Paco Martín fai parte, como é sabido, desa promoción literaria bautizada por Manuel Bragado como «Xeración Lamote» en honra, xustamente, a un célebre e inesquecible título do autor lucense: As cousas de Ramón Lamote. Denominación operativa que agrupa catro voces, todas elas galardoadas no seu día co Premio Nacional de Literatura Xuvenil, caracterizadas por renovar con esforzo e talento a nosa literatura infantil e xuvenil. Velaí o herdo tan valioso que deixaron Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz e o doutras dúas voces felizmente en activo, como son Fina Casalderrey e o autor que hoxe nos ocupa ao fío do seu último libro publicado hai xa algúns meses, como é Mr. Smith e a festa murada. 

Particularmente, son moi devoto da escrita de Paco Martín —unha das miñas primeiras recensións foi dun magnífico libriño de relatos titulado Dende a muralla (Xerais, 1990)— e entendo como unha fortuna que a súa produción continúe transitando por novos retos e que o faga tamén para un público adulto. En efecto, esta novela atesoura os valores máis salientables da súa escrita, que abraza outra volta como pano de fondo a cidade de Lugo, trazo bastante común na súa obra como non podía ser doutra maneira. Mais, ao mesmo tempo, estas páxinas transmiten esa perspectiva tan pouco transitada entre nós que se acaroa ao humor e á ironía, da que moitas veces se deriva unha visión sutilmente crítica. Ao tempo, cómpre salientar aquí esa capacidade narrativa tanto para establecer un xogo efectivo de voces narrativas como para deseñar con verosimilitude as diversas atmosferas retratadas, alén da construción dun personaxe da forza de Mr. Smith: un pasteleiro londiniense, acariñado pola inxenuidade, a quen lle toca a lotería e decide non ocultar un desexo irrenunciable como é o de converterse nun novo Livingstone, cuxas investigacións e descubertas deixen memoria do seu nome para as xeracións futuras. Con ese obxectivo verase involucrado nun caso cheo de incógnitas entretecido co sentimental e situado neses días do Arde Lucus, cando o espazo urbano acolle unha festa continua que para el resulta case incomprensible. Unha novela que, probablemente, mereza máis atención da que se lle outorgou.


[Fonte: www.lavozdegalicia.es]



Sem comentários:

Enviar um comentário