quinta-feira, 4 de abril de 2024

Haxiotopónimos

Escrito por BIEITO ROMERO

Unha web de orixe polaca chamada BiQdata dedicada ao xornalismo e á información creou un curioso e orixinal mapa sobre topónimos europeos portadores da palabra santo / santa, os seus apócopes respectivos e as súas variantes. Para realizar este traballo, empregaron a base de datos da Axencia Nacional de Intelixencia Xeoespacial dos EE. UU., que ocupa un lugar destacado na investigación, posuidora de ducias de satélites empregados en moi diversos ámbitos entre os que está a cartografía. No caso que nos ocupa, o número de haxiotopónimos (topónimos con nomes de santos) en Europa é de 20.808. A maioría están situados en territorio francés. Son 8.963 rexistros distribuídos de xeito bastante homoxéneo por todo o territorio galo con focos de maior concentración en lugares como Auvernia (no centro do país), Bretaña ou Normandía no norte. Despois de Francia, nesta particular e sacra clasificación, en segundo lugar, está España con 4.444 haxiotopónimos. No seu caso, a maior parte están concentrados fundamentalmente en Galicia e, de seguido, en Asturias. A curiosidade do mapa, que pode ter moitos matices e cuestionamentos, é que o maior número de lugares con toponimia derivada de santa ou santo concentrado de toda Europa está localizado no mapa da actual Galicia. É unha certeza que o noso país ten a concentración de topónimos máis importante de España con máis dun terzo do total do resto do Estado, e isto algo inflúe. Nesa mesma clasificación sagrada, despois de España vén Italia con 2.638 haxiotopónimos. Logo Portugal con 797 e vai minguando ata o último na lista, Suecia, con 2. Está claro que Galicia é un país fondamente relixioso e tamén sabemos do poder e da influencia da Igrexa neste territorio pero un mapa destas características é interesante para afondar na propia historia e artellar razoamentos que vaian alén do obvio. A dispersión poboacional e polo tanto toponímica galega pode ser un factor. O feito de que os árabes apenas pisaran o noso territorio e outros factores máis recentes puideron influír tamén nese mapa. Mais en calquera caso e con todas as revisións, se non dunha maneira tan clara, probablemente seguíramos estando á cabeza.


[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário