quinta-feira, 14 de março de 2024

Yann Rivallain (Consello Rexional da Bretaña): «Bretaña precisa autonomía ante o centralismo francés»

Xornalista de profesión e actualmente encargado do proxecto 'Bretóns do Mundo', Yann Rivallain forma parte do Consello Rexional da Bretaña (o Goberno Bretón) e visitou a redacción de 'Nós Diario' durante a súa visita á Galiza, viaxe que aproveitou para estreitar lazos e relacións entre ambos os países.

Yann Rivallain na redacción de 'Nós Diario'

Escrito por IAGO SUÁREZ

—Vén de participar en Compostela no Fest Deiz organizado pola Asociación Breizh Galiza, unha reunión comunitaria de música e baile bretón e galego. Como o viviu?
Foi unha xornada espectacular. Este tipo de iniciativas son unha maneira moi efectiva de compartir a nosa cultura e mantela viva fóra de Bretaña, e para a cultura galega estes eventos poden abrir portas a novos horizontes. A cidadanía bretoa está moi agradecida porque poden ver que a súa cultura é valorada fóra de Bretaña. Ademais, fiquei moi impresionado coa gran calidade da música e da danza bretoas que se fan aquí na Galiza, tiña a impresión de que estaba como na casa. 

A miña misión desde o Goberno é apoiar a diáspora bretoa e estou moi agradecido á Galiza por este tipo de iniciativas e por poñer en valor o noso maior orgullo que é a cultura.

—Que se pode facer desde as institucións para fortalecer os vínculos entre ambos os países? 

Unha das nosas prioridades no Goberno bretón é estreitar lazos con outros países, especialmente coas nacións celtas. Temos desde hai anos acordos de colaboración con Gales, Escocia e Irlanda. Un dos obxectivos da miña viaxe aquí era conseguir tamén un acordo de colaboración coa Galiza, algo ao que xa nos comprometemos desde o Goberno bretón. Esperamos asinar un acordo formal co Goberno galego durante este ano.

—Como describe a situación actual do bretón?

A lingua bretoa está en perigo, estamos a perder falantes e a media de idade da persoa falante de bretón é de 70 anos. Calculamos que hai preto de 200.000 falantes de bretón e que en 2050 haberá só 50.000. Ante isto estamos a implementar políticas para reverter esta situación desde o ensino. Cada vez hai máis xente nova que comeza a falar bretón grazas ás escolas que ofrecen aulas na nosa lingua.

Aliás, o apoio social ao bretón aumenta cada ano e vemos un desexo da sociedade de recuperar o idioma e normalizalo. A lingua bretoa non vai morrer, mais se tivésemos mellores condicións e o Goberno francés non frease os nosos esforzos, o bretón estaría nunha situación moito mellor. Existe unha vontade política desde o Goberno bretón, mais o Estado francés non axuda.

—Que debería facer o Estado francés para mellorar a situación sociolingüística do bretón?
Parar o proceso de recentralización en que está inmerso. Desde a entrada de Macron vemos unha recentralización no Estado francés, a pesar de que no caso bretón a gran maioría do Consello Rexional está a favor de máis autonomía para o territorio, porque a necesitamos. Percibimos que a cidadanía bretoa quere claramente máis autonomía pero ao Estado francés parece non interesarlle e iso está a frustrar e decepcionar a nosa xente, algo que pode chegar a ser bastante perigoso. 

—Cal é a situación política e social na Bretaña? 
A sociedade bretoa está mais cohesionada que a francesa onde as desigualdades medran constantemente. Na Bretaña a fenda entre ricos e pobres é a máis baixa de todo o Estado e esperamos mantelo así.

Economicamente somos un dos territorios con menor taxa de desemprego e somos un territorio cada vez máis atractivo para vivir, o cal está a producir problemas no relativo ao acceso á vivenda. Outra problemática con que nos encontramos desde o Goberno é a división entre o leste e o oeste do país, con cada vez máis xente abandonando o interior para vivir na costa.

Bretoas e bretóns na diáspora

Como responsábel do proxecto 'Bretons du monde' (bretóns do mundo), Yann Rivallain ten tres obxectivos principais, segundo explica: "Fomentar iniciativas encamiñadas a achegar máis Bretaña a quen está lonxe dela, apoiar aqueles que queiran compartir o seu apego a Bretaña cos membros da súa comunidade de acollida e desenvolver unha rede de solidariedade, intercambios e proxectos entre Bretaña e a comunidade de bretoas e bretóns e amizades da Bretaña en todo o mundo. Para conseguir isto, o proxecto que coordina Rivallain, dependente do Consello Rexional (o Goberno bretón), ofrece axuda directa a diferentes "asociacións, comunidades, estabelecementos culturais e educativos ou mesmo organizacións de ámbito privado que traballen para promover Bretaña polo mundo adiante". 


[Fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário