terça-feira, 9 de janeiro de 2024

Non só Mickey Mouse: pasan a dominio público as obras de Basilio Álvarez, Federico Maciñeira ou Lisardo Barreiro

Nos últimos días falouse moito do paso a dominio público de Mickey Mouse, creado en 1928 por Walt Disney e que a partir do 1 de xaneiro pode ser empregado por calquera persoa para novas interpretacións e obras sen ter que pagarlle dereitos de autor a Disney.

                                O BNE publica todos os anos a relación de autores e autoras cuxas obras pasan ao dominio público, ao facer máis de 80 anos do seu pasamento.

Iso si, esta utilización limítase aos Estados Unidos (en Europa a lexislación sobre dereitos de autor é diferente) e só se poderá representar a primeira versión do rato animado (un chisco diferente á que posteriormente se popularizou) e unicamente en branco e negro.

En calquera caso, o feito constitúe un fito, despois de varias décadas nas que Disney batallou por adiar este momento, mesmo exercendo un labor de lobbying -xuntou con outras empresas- para modificar a normativa estadounidense na materia, adiando o paso de obras ao dominio público. Esta normativa garante o mantemento dos dereitos de autor durante os 95 anos seguintes á creación dunha obra (polo tanto neste ano a fronteira pasa a estar no ano 1928) ou nos 70 anos posteriores á morte do autor ou autora.

                              Basilio Álvarez, Federico Maciñeira e Lisardo Barreiro. CC-BY-SA

En cambio, en España só se ten en conta o momento da defunción do autor e autora, garantindo o mantemento dos dereitos ata 80 anos despois, contados dende el 1 de xaneiro do ano seguinte. Como Walt Disney faleceu en 1966, Mickey só pasará ao dominio público no ano 2047.

As que si pasan ao dominio público son as obras dos autores e autoras falecidas ao longo do ano 1943, entre eles varios galegos e galegas, nunha relación que hai uns días publicou na súa web a Biblioteca Nacional, que anunciou ademais a dixitalización para a súa consulta libre de máis de mil obras destes creadores e creadoras.

Entre eles, figuran o cura agrarista Basilio Álvarez, o historiador Federico Maciñeira, o xornalista Lisardo Rodríguez Barreiro, o escritor Lois Tobío Campos (pai de Lois Tobío Fernández), o relixioso César Abellás (e membro non numerario da RAG), o militar Valeriano Villanueva, o sindicalista Manuel Nores Sotelo e a pintora e Jesusa Alfáu.

Destacan especialmente os traballos xornalísticos de Basilio Álvarez, autor ademais de media ducia de ensaios, ao igual que os traballos historiográficos de Federico Maciñeira, centrados especialmente na arqueoloxía e na historia do Ortegal. Así mesmo, Lois Tobío deixounos varios poemarios, Lisardo Barreiro escribiu traballos xornalísticos e algúns libros de poemas e César Abellás un gran número de publicacións de tipo relixioso e sobre historia.

Outros autores españois destacados que tamén pasan agora ao dominio público son Carlos Arniches, Alfonso Nadal, Rodríguez Marín, Antonio Zozaya, Ricardo León ou Joaquim Casas-Carbó. E, igualmente, mulleres pioneiras como Eulalia Abaitua Allende-Salazar, Carme Karr ou María Gay.

Como curiosidade, cómpre salientar que o 1 de xaneiro de 2025 pasarán ao dominio público -por falecer en 1944- as obras de Antoine de Saint-Exupéry ou Filippo Tommaso Marinetti. E, así mesmo, dos galegos Ramón Tojo Pérez.

 

[Imaxes: BNE - fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário