quarta-feira, 22 de novembro de 2023

Cogomelos

 

Escrito por BIEITO ROMERO

Considérome un gran amante dos cogomelos, de todas as súas variantes e das súas múltiples preparacións gastronómicas posibles, pero xa no prato. Creo que nunca rexeitei unha comida que levase cogomelos, e aínda que hai unha gran cantidade de matices de sabor dunha variante a outra, todas as que levo probado sempre resultaron do meu agrado. E abofé que levo probado unas cantas. Os cogomelos son principalmente do outono que é cando comezan as primeiras chuvias e con esa humidade na terra comezan a agromar de xeito espectacular. Non sei exactamente cando comezou a popularizarse a tradición de recoller cogomelos en Galicia pero penso que non se remonta moi atrás polo carácter micófobo das nosas xentes. Ao contrario que noutras comunidades como Euskadi ou Catalunya aquí sempre tivemos un aquel de respecto aos fungos derivado de certas crenzas populares que as relacionaban con algo maligno. Sen ir mais lonxe eu lembro á miña avoa Felicidad, que hoxe tería arredor dos 120 anos, explicando como as vacas esquivaban os lugares onde había determinados cogomelos, que ela chamaba cogordos, ao tempo que argumentaba segundo a ela lle chegara por tradición oral, que neles estaba agochado o demo. E pode que ese tipo de crenzas, que probablemente se remonten ao priscilianismo e á chegada implacable do cristianismo, callaran tan fondo que chegaran a crear unha micofobia popular moi estendida por todo o país. Sexa como for, a día de hoxe e porque as cousas xa se poden ver de diferentes maneiras e con racionalidade, a tradición de apañar cogomelos no monte está tan asentada e é tan grande que quizais haxa que empezar a regulala e facer dela algo sostible e ordenado. En Galicia hai importantes sociedades, agrupacións e asociación micolóxicas que están facendo un traballo didáctico espectacular a prol de que as cousas, nese ámbito, se fagan como é debido. Mentres, os que lle temos aínda respecto á súa recolleita, seguiremos gozando de descubrir no prato estes prezados tesouros dos nosos montes que polo menos a min, tantos momentos bos me teñen dado.

 

[Imaxe: CARLOS RUEDA - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário