quinta-feira, 10 de agosto de 2023

A luz do flexo, a pequena editorial galega cunha nova perspectiva sobre os libros de ensaio

 

O proxecto meco de Bruno Padín e Sonia Bernárdez viu a luz o pasado abril e xa conta con dous libros no mercado

 

Escrito por LETICIA CASTRO

Os libros de ensaio adoitan ser lecturas densas que a miúdo requiren dunha importante concentración, pois son textos dos que extraer reflexións e que xeralmente tratan temas humanísticos. Poderíase dicir que son recoñecibles mesmo pola súa portada, maquetación e a cantidade de páxinas, pois todos teñen un estilo parecido. Iso mesmo pensaron o historiador grovense Bruno Padín e a súa parella, Sonia Bernárdez, cando decidiron lanzarse á aventura de crear a súa propia editorial, que viu a luz fai apenas catro meses.

A luz do flexo é un proxecto que compaxinan, de momento, con outras facetas profesionais. A pesar da súa curta vida, a editorial dispón xa de dous libros no mercado, froito do esforzo dos seus dous promotores e coa vista posta en achegar o ensaio ao público en xeral «e facelo máis cálido», conta Sonia, que xa traballara antes noutra editorial. «O noso labor é facer accesible o libro de ensaio á xente, facelo bonito á vista de lector e buscamos textos que non sexan tan extensos», engade.

Ela é a encargada de deseñar as portadas, de facer a man as ilustracións sobre un papel verjurado que achega outra estética, de maquetar as páxinas e decidir os materiais, cuestións que ten moi pensadas, porque quere que as obras sexan perfectamente identificables. A maquetación está ideada como un xogo de luces que fai honra ao nome da editorial. Así que o proceso creativo nestas obras de ensaio é importante, tanto como o relato que se ofrece ao lector.

A idea é lanzar libros con capítulos curtos, concisos, que permitan descansar e non pegarse un atracón de lectura. O estilo é, pois, unha parte fundamental da editorial meca, por iso, nos textos que seleccionan toca facer a maior parte das veces «unha poda necesaria» para dar co resultado desexado. Desa parte encárgase Bruno, que como bo historiador, ten xa un libro no mercado e sabe en que consiste a tarefa. Talvez esa é a faceta máis dura, a negociación cos autores, e facerlles entender que é necesario acurtar parágrafos e non usar nin palabras demasiado extravagantes nin encher o texto de datas, entre outras cuestións.

Sonia Bernárdez confésase unha friki da lectura, pero o certo é que ten un máster en edición e sabe tamén por onde se move. Aínda consciente de que o ensaio non é doado e de que as probabilidades de fracasar eran altas, pensou que había oco para eles, e de momento parece que non se equivocou. Bruno é doutor en Historia pola Universidade de Santiago e tras a súa primeira incursión no mundo coa súa obra A traizón na Historia de España, editada por Akal, coñece ben as dinámicas da edición literaria. Os dous fan un pouco de todo, mesmo traducir, pois hai que aforrar gastos e tirar das habilidades e coñecementos propios.

José Carlos Bermejo e Ali Kosha, os seus primeiros autores 

Con base no GroveA luz do flexo publicou xa a obra de Jose Carlos Bermejo As guerras da dobre moral, un libro que viu a luz a finais de abril dun autor que xa ten ducias de textos no mercado. A principios de xuño, lanzaron o segundo, o relato dun refuxiado afgán, Ali Kosha, que nestes momentos realiza o seu doutoramento en Santiago de Compostela. O seu libro, Afganistán. Política e violencia, mostra o punto de vista da historia do país desde dentro: «É a primeira vez que unha persoa escribe a historia do seu propio país sen que estea escrita por un colono», destaca Sonia. Foi esa perspectiva e o seu xeito de narralo o que atraeu o interese dos editores.

Moitos dos textos que reciben na luz do flexo chegan a través da súa páxina web, outros a través dos seus propios contactos e a partir de aí realizan unha criba do que creen pode resultar interesante e vendible, pois á fin e ao cabo estamos a falar dun produto que hai que comercializar.

Sonia e Bruno retomarán o traballo editorial no outono, pois a súa meta é poder publicar, en principio, unha obra ao mes ou cada dous meses. Os seus libros, distribuídos por Arnoia, están presentes en todo o territorio nacional e poden adquirirse en multitude de puntos de venda, algo fundamental para darse a coñecer e poder expandirse. Agardan poder chegar a vivir da editorial, pero mentres tanto compaxinan varios traballos, como bos autónomos que son.

 

[Foto da autora - fonte: www.lavozdegalicia.es]

 

Sem comentários:

Enviar um comentário