Páxina Indómita rescata un texto fundamental dun dos popes da contracultura, Timothy Leary

Por H. J. P.
Tivo que vir un editor galego, Roberto Ramos Fontecoba, para rehabilitar para o mercado español un texto fundamental dun dos popes da contracultura, Timothy Leary (Springfield, Massachusetts, 1920-Los Ángeles, California, 1996), psicólogo de Harvard que investigou sobre o uso de sustancias psicotrópicas e a quen o presidente inquisidor Richard Nixon chegou a cualificar como «o home máis perigoso de América».
Confesións dun adicto á esperanza (1973) apareceu de forma pioneira, pero precariamente, en 1978, da man do selo barcelonés Star Books, e agora —aquela publicación era inencontrable desde hai moito tempo— rescátao do arrombamento Páxina Indómita cunha nova tradución. Trátase dun texto de carácter autobiográfico que recolle unha das épocas máis apaixonantes da vida do alcumado Apóstolo do LSD (dietilamida de ácido lisérgico), a partir da dobre condena de prisión —por un total de vinte anos— por posesión de marihuana. Frisando os cincuenta anos, decide que non pode pasarse o resto da súa existencia no cárcere, e enseguida organiza unha fuga axudado pola Irmandade do Amor Eterno e o grupo terrorista Weather Underground, para recalar en Alxeria co apoio dos Black Panthers e o réxime da Fronte de Liberación Nacional, que entón gobernaba un país considerado como o paraíso dos revolucionarios.
Ese furor inxenuo pronto decaerá en Leary, e virará cara a un certo escepticismo fronte a estes idealistas radicais profesionais.
O relato está cheo de humor e de personaxes só imaxinables nesta época de ponche lisérgico, obsesos conspiranoicos e seguimentos da CIA, e complementa á perfección aquel Flashbacks.
Unha autobiografía que escribiu Leary un decenio despois e que foi editado en español no 2004 polo selo Alpha Decay.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário