A Eurocámara reclámalle á Comisión máis esforzos para divulgar obras europeas que representen toda a diversidade lingüística europea, tendo en conta as linguas oficiais e as linguas rexionais e minorizadas.

O Parlamento Europeo vén de votar, esta mesma mañá, un informe para a implantación da Directiva do Audiovisual no que destaca "a importancia de facilitar a accesibilidade (dobraxe, subtitulaxe, audiodescricións ou outros elementos) en todas as linguas do territorio onde o servizo de comunicación social audiovisual é prestado".
Tamén recorda que "é fundamental designar, sen demora inxustificada, un punto de contacto en liña facilmente accesíbel e dispoñíbel ao público en todos os Estados Membros" e reclámalle á Comisión máis esforzos para divulgar obras europeas que representen toda a diversidade lingüística europea, tendo en conta as linguas oficiais e as linguas rexionais e minorizadas.
Este posicionamento tómase días despois da comparecencia do presidente da Mesa, Marcos Maceira, do vicepresidente de AGAPI, Xosé Lois Ledo, e da profesora Soliña Barreiro, do Grupo de Estudos audiovisuais da USC, no intergrupo de linguas do Parlamento Europeo, cun enorme interese por parte de deputados de todos os grupos e diversas nacionalidades.
Para valorar o informe e as súas consecuencias, representantes da Mesa e doutras entidades do sector presentes na Iniciativa polo galego no audiovisual ofrecerán unha rolda de imprensa na aula 5 da faculdade de comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
[Imaxe: Youtube - fonte: www.galiciaconfidencial.com]
Sem comentários:
Enviar um comentário