terça-feira, 2 de maio de 2023

O deseño da Galiza, protagonista no Porto

O deseño galego será o convidado de honra da edición 2023 da Porto Design Biennale, o maior evento bienal de deseño da península ibérica. 

 
                                       As Mariscadoras, de Luis Seoane,1969

A Galiza é a rexión convidada da edición 2023 da Porto Design Biennale, o maior evento bienal de deseño da península Ibérica. Colle así o relevo de Italia e Francia, territorios invitados das edicións 2019 e 2021, en recoñecemento ao traballo de impulso ao deseño que se está realizando no país.

A participación protagonista da Galiza no evento será coordinada por David Barro, asesor do programa Diferenza e director da Fundación Didac, como comisario do territorio convidado.

A programación incluirá unha exposición de gran formato que permanecerá aberta en Matosinhos durante toda a duración da Porto Design Biennale, na que se incluirá unha retrospectiva sobre deseño gráfico, de produtos, estratéxico ou especulativo na Galiza, e abranguerá todo o último século. Ademais, acollerá un proxecto editorial, conferencias e obradoiros, actividades todas elas centradas no deseño para a innovación e a artesanía con selo galego.

A Galiza xa colaborara en anteriores edicións da Porto Design Biennale, cunha mostra colectiva de deseño galego en Porto, no ano 2019, e a presentación do programa Diferenza na edición de 2021, ademais da acollida no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) da exposición Arquivo da materia viva despois do seu paso por Matosinhos, dentro da bienal portuguesa.

Percurso polo pasado o presente e o futuro 

Segundo explica a web da propia Porto Design Biennale, a programación galega, co título Galiza. Processos e Formas, pretende trazar "um percurso pelo passado, presente e futuro do design a partir da perspetiva da Galiza, analisando, em primeiro lugar, os antecedentes a partir de uma série de empresas paradigmáticas na aposta que fizeram no design, através da apresentação de exemplos pioneiros no sector das pescas, no turismo termal e na comercialização de águas, na indústria farmacêutica, na indústria automóvel, na indústria têxtil ou nas telecomunicações, e que termina nas iniciativas de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo com a criação do Laboratório de Formas e a recuperação da fábrica de Sargadelos como principal paradigma do design como motor da inovação na Galiza".

A bienal desenvolverase desde o vindeiro 19 de outubro até o 3 de decembro.

 

[Fonte: www.nosdiario.gal]

 

Sem comentários:

Enviar um comentário