sábado, 7 de janeiro de 2023

Seres de luz

 

Escrito por RAMÓN NICOLÁS

Rubén Riós, coñecido actor, director, produtor e activista social, como ben se espella nun brillante currículo como responsable de diversas curtametraxes e documentais que se orientaron, aínda que non só, cara ao ámbito de formar e informar sobre a inclusión social e laboral para colectivos vulnerables, hai algún tempo botou a andar a primeira tempada dunha webserie titulada Arrieiros somos, da que a Editorial Galaxia publica agora un libro homónimo que incorpora un código QR para acceder ao documental. Tamén é unha crónica que camiña polas pegadas da memoria pois, coma se tratase dun texto confesional, déixase testemuño das fondas impresións que no autor deixaron os doce protagonistas do devandito documental.

Prologado, con palabras agarimosas da actriz Benedicta Sánchez, e epilogado polo compositor e gaiteiro Xosé Lois Foxo, Riós afonda, sempre con respecto e unha admiración nada agochada, nas biografías de persoas maiores do ámbito rural que presentan, dalgún xeito, vidas inspiradoras: velaí a arzuá Cecilia Camino ou o compostelán Cándido Pazos por só citar dous casos. En todas as propostas, coma se se tratase dunha viaxe, exhíbese con naturalidade todo aquilo que o autor experimentou, talvez mellor sería que o asolagou, ao entrar nas casas e nas contornas máis íntimas destas persoas intentando, ao mesmo tempo, transmitir con fidelidade todo aquilo que compartiron con el, na webserie e, agora, con quen queira achegarse ao libro.

Arrieiros somos, así pois, é volume ben singular que, a meu entender e se cadra sen pretendelo en primeira instancia, revela desde a cerna, desde a comprensión e a honestidade tamén, as dimensións e consecuencias da soidade a través dunha ollada limpa e ávida de aprender. Velaí, así pois, como resoan nas biografías das persoas entrevistadas os golpes que a vida deu ou dá, isto é, o que significan termos como emigración, rupturas, abandonos, esforzo, marxinación ou sacrificio, mais tamén e, talvez sobre todo, outros aos que lles debemos dar novo valor como son saber escoitar, educación, amor ou respecto.

 

Rubén Riós pon o foco en universos cruzados por fíos de resiliencia e creatividade poboados por seres de luz que convida a coñecer.

 

 

[Fonte: cflvdg.avoz.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário