quarta-feira, 4 de janeiro de 2023

Portugal

 Escrito por BIEITO ROMERO

Comecei a coñecer Portugal grazas á música. As cancións de José Afonso, cando era apenas un adolescente, foron as primeiras en abrirme os ollos dunha realidade tan preta e tan afastada como a portuguesa. De seguido e non a moita distancia no tempo, afondei na música e descubrín a Fausto Bordalo, Sergio Godinho ou José Mário Branco, entre moitos. Cantores e músicos que amosaban nas súas propostas un Portugal poscolonial e convulso dende unha perspectiva, ao meu modo de ver, interesante e crítica.

A mediados dos 80 e cun bo amigo viaxamos pola costa ata Lisboa, coñecendo con máis detalle parte deste país irmán. A volta fixémola polo interior. Eran outros tempos e as realidades sociais, tanto aquí como alí, eran ben diferentes. Xa daquela sentín mágoa ao comprobar persoalmente que vivimos de costas uns e outros. Temos realidades moi semellantes, cun mesmo idioma e unha boa parte da historia en común, mais hai como unha barreira interposta entre nós. A maior parte dos portugueses cos que falei apenas sabían nada de Galicia.

Estando en Lisboa coincidiunos de poder ver un concerto do grande Godinho e da mítica banda canadense The Band. Os concertos estaban programados dentro da impresionante Festa do Avante, un evento político e cultural de gran magnitude que organiza o PCP, Partido Comunista Portugués, cada ano dende 1976. Neste contexto digamos que máis cultural, maiormente tamén descoñecían Galicia a excepción da xente do Minho ou Trás-os-Montes, territorios lindeiros.

Eu son un namorado de Portugal e dende aquela volvín en moitas ocasións tanto de visita turística como para tocar con Luar na Lubre. Recoñezo que as cousas mudaron moito para mellor pero aínda teño aquela estraña sensación de estar de costas e iso paréceme unha anomalía. Supoño que determinados sucesos históricos que derivaron na nosa separación son os responsábeis da situación na que estamos. De non recoñecernos como é debido pese a ser irmáns. Se lle sumamos que tampouco se percebe un grande interese por facer que as nosas relación melloren de xeito notable, pois así seguiremos, sen fronteiras físicas como as de antes pero si cunha fronteira mental que non nos permite avanzar na irmandade.

 

[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário