segunda-feira, 5 de dezembro de 2022

Roberto Fernández Álvarez: «A literatura segue sendo máis urbana e hai moito que contar no ámbito rural»

 

«A inmoral doutora Cons», novela coa que gañou o premio Eduardo Blanco Amor,  trata dunha muller médica nos anos cincuenta


                             Roberto Fernández traballa como médico rural en Allariz e é un estudoso da medicina nese ámbito. Estes estudos tiveron gran importancia na construción da novela gañadora.

Escrito por JAVIER BECERRA

Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) fíxose co premio de novela longa Eduardo Blanco Amor 2002 pola súa obra A inmoral doutora Cons. Presentada baixo o pseudónimo de Carme Leonor Friedmann, a novela deste médico rural de profesión foi seleccionada de entre 25 orixinais que optaban á vitoria neste certame. Organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, está dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica de Acisclo Manzano. Tamén a publicación do libro na editorial que elixa un autor que onte se encontraba totalmente emocionado. «Síntome como se gañase o Premio Nobel en galego, porque para min é o que significa o Premio Blanco Amor», dicía.

—A súa novela mira ao rural galego dos anos cincuenta.

—A obra vai dunha médica que chega a unha aldea do rural galego, de Ourense. Trata de modernizar e cambiar as cousas, pero hai moitas inercias e trabas. A principal é que o feito de que sexa unha muller e nova impídelle levar a cabo o seu obxectivo.

—Vostede é médico rural. Hai moito da súa experiencia na obra?

—Ten que ver moito coa miña profesión e, sobre todo, cunha parte que levo investigando desde hai moito, que é a medicina rural. Nese campo teño algúns artigos publicados. Tratábase de levar iso ao mundo da ficción.

—Unha muller nese momento e nese ámbito era algo insólito. Ten unha perspectiva feminista?

—Daquela as mulleres xa tiñan moi difícil o acceso á carreira de Medicina. Pero despois era atípico e moi chocante ver a unha muller traballando no medio rural. Se a medicina se consideraba unha cousa de homes, na rural case estaba proscrito o acceso da muller. Ela atreveuse e tivo que loitar con moitos imponderables.

—Xa gañou un Premio de Ensaio Vicente Risco. Ten relación coa súa faceta narrativa?

—Si, aquilo foi a historia que fixen da medicina rural en Galicia. Dinme conta, traballando nese estudio, que ás veces o médico tiña oposición das forzas vivas dos pobos. Tiña que traballar ás veces aliado con elas e outras enfrontado. Nun mundo tan hermético e tóxico era moi difícil que puidese acceder unha muller.

—No audiovisual existe a tendencia de retratar esas relacións tóxicas en poboacións illadas de Galicia. Influíulle?

—Non, a verdade é que non. A literatura non entrou tanto nesta tendencia. Segue sendo máis urbana e é unha pena, porque hai moito que contar, como o está facendo o cine. O ámbito rural é un pequeno laboratorio do que é o mundo. Eu tiña o coñecemento, pero faltaba a versión de ficción. Como levar iso ao lector de maneira de que o pasase ben? Quería que o lector vise o que pasaba no consultorio dun médico rural e no domicilio dun doente rural. Pareceume que podía ser interesante e vin que, ademais, non era un camiño moi trillado, sobre todo sendo unha médica.

—Esta é a súa primeira novela.

—Si, teño escrito relatos, pero non publicados en editoriais grandes. Agora sentía a necesidade de facer unha novela para expresar o que eu xa coñecía dunha maneira científica e metódica, pero noutro ámbito. 

 

[Imaxe: Santi M. Amil - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário