segunda-feira, 5 de dezembro de 2022

A música tradicional galega entra na Universidade

Compilación, análise e uso didáctico do repertorio vocal acompañado de percusión de man como parte do patrimonio inmaterial galego. Estudo dun caso representativo. Este é o título da tese de doutoramento de Carme López Fernández, a primeira que trata desde unha perspectiva académica a música tradicional. 

                                Carme López, intérprete, docente e investigadora da música tradicional.

Escrito por MANUEL XESTOSO

"Hai algunha tese que fala da música tradicional galega pero si é a primeira que enfoca  a música tradicional desde o traballo de campo, sobre un repertorio concreto. Iso foi unha dificultade engadida porque non existía un marco teórico ao que poder referirme, tiven que crealo a partir de cero", explica López en conversa con Nós Diario.

"Hai un traballo de campo fundamental feito a partir de finais da década de 1970 e con moita forza na de 1990, realizado por persoas, normalmente vinculadas a grupos, que se dedicaron a recoller material de forma altruísta. A partir dese labor se crearon arquivos privados moi ricos, mais non existe case nada publicado sobre este proceso. Se queremos entender por que é importante a música tradicional, por que segue funcionando, temos que comprender que o seu labor foi fundamental. E no mundo académico, todo iso non estaba recollido", aclara.

Carencias do mundo académico galego

López fixo o seu traballo sobre o repertorio procedente da aldea de Liñares, no concello de Avión, a partir do arquivo privado de Xisco Feijoo e dunha recolla propia. Mais os impeitizos que atopou foron moitos. "O sector da música tradicional é moi amplo e nas últimas décadas está a ensancharse de forma moi significativa, mais tamén é certo que é moi pechado, que a información non sempre está a disposición das persoas investigadoras. Unha cuestión fundamental aquí é a falta de implicación das institucións públicas: estamos falando dunha parte importante do patrimonio inmaterial e apenas existen arquivos públicos -o do Museo do Pobo Galego, nese sentido, é unha excepción exemplar, mais non deixa de ser unha iniciativa privada- nos que se poida reunir e inventariar o material compilado por esas persoas que traballaron, ás veces durante moitos anos, na recolla".

Ademais, na conformación do sistema universitario galego o estudo da música está separado da universidade, non existen vías de comunicación entre os conservatorios e as facultades. "Na Galiza, na especialidade de Musicoloxía, que é na que se enmarca a miña tese, non existen itinerarios académicos claros nos que, como profesional da música, poidas facer unha tese sobre música galega. De feito, a miña está enmarcada nun programa de doutoramento da Facultade de Humanidades, 'Novas perspectivas en comunicación e documentación das Humanidades'. Hai que dar moitas reviravoltas", confesa a investigadora. "E, por riba, na Academia non están afeitos a tratar este tipo de temas vinculados coa cultura popular. Eu tiven moita sorte coa miña titora, Rocío Chao, mais non é a norma que se entendan ben este tipo de estudos, ou mesmo que queiras redactar a túa tese en galego".

 

[Fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário