O autor lembra o encontro co escritor portugués en Santiago en 1989
José Saramago |
Escrito por RAMÓN NICOLÁS
Pode resultar sorprendente, pero esta é unha achega que leva, dalgún modo, trinta e catro anos esperando a que, a xeito de síntese, se escriba. Supoño que, como todo, cómpre saber agardar. A finais dos anos oitenta asumín a responsabilidade, baixo a dirección da catedrática Pilar Vázquez Cuesta, de realizar un traballo académico sobre calquera voz da literatura portuguesa contemporánea. Non sei ben as razóns que me conduciron á narrativa de José Saramago, de quen onte se conmemoraba o centenario do seu nacemento en Azinhaga, unha aldea do Ribatejo que el puxo no mapa para sempre.
Desde o punto de vista formativo, o reto de enfrontarme á lectura e análise das cinco novelas que publicara até o momento posibilitou achegarme ás claves dunha produción literaria moi singular e afondar nas posibles razóns das temáticas escollidas, na súa arquitectura e na forma peculiar de narrar, que entendía como insólita e orixinal. Non é este o sitio nin sequera para referirme ao que eses cinco romances encerraban, claro é, mais si pode ter certo interese abordar se nos vía a nós neles.
Fóra do iniciático Manual de Pintura e Caligrafía, foi en Levantado do Chão onde se detecta o que será o embrión de posteriores referencias ao se referir ao guerrilleiro O Piloto —Xosé Castro Veiga— como metáfora da entrada violenta de alguén na casa de António Mau-Tempo cando este se ve obrigado a asistir a un comicio político en Évora a favor dos gañadores da guerra civil. En Memorial do Convento, pola súa parte, a aparición de personaxes de orixe galega opera como un elemento da ambientación social e histórica da Lisboa do século XVIII onde se refire a eles como mozos para transportar mercadorías e augadeiros. Mais é en Ou ano dá morte de Ricardo Reis onde agroma a presenza de Galicia como un territorio definido con trazos de seu onde os emigrantes galegos naquela Lisboa do ano 36 seguen a desempeñar oficios, por unha banda, de carrexadores que se agrupan na estatua do Chiado denominada como a illa dos galegos e, por outra, como empregados de hoteis, onde cobran especial incidencia os personaxes de Felipe e Ramón, ambos os dous orixinarios de Vilagarcía de Arousa. Respecto deles, a voz narradora afirma que non son conscientes do status que lle conceden outros españois emigrados en Lisboa: «No mesmo tom en que dizem ‘Los rojos’ diriam ‘Los gallegos’, tirando o ódio e pondo o desprezo».
Será en A Jangada de Pedra onde Galicia cobra sentido como posuidora dunha entidade singular e non só como país emigrante, pois nela abandónase unha visión uniforme de España para asumir o xurdimento irresistible do que denomina unha constelación «socio-histórico-cultural pluriforme, literariamente fascinante», onde cobra sentido a presenza dun xornalista galego que, por discreto, non se lle recoñece a importancia dunha pregunta dunha rolda de prensa, o que conduce á voz narrativa á explicación de que aos pobos pequenos ninguén lles presta oídos para acrecentar que non é manía de persecución, senón «histórica evidencia». Tras o percorrido por vilas e cidades galegas sen concesión ao paisaxismo costumismo, salienta nestas páxinas Maria Guavaira, galega de nación, como unha das personaxes máis relevantes e operativas, xunto con outros máis, para comparar alentexanos e galegos: pobos coa pel tan dura que era mellor chamar a pel coiro e «quedarían dispensadas outras explicacións». Vellos galegos e portugueses que diante desa barca de pedra a navegar polos océanos din, por algunha razón inexplicable, «non saio de aquí».
Anos despois, claro é, virían grandes obras como História do Cerco de Lisboa (1989), Ensaio Sobre a Cegueira (1995) e tantas outras. Talvez, nun futuro próximo, cumprirá rastrexar aí o que hai de nós nesas páxinas de alguén que deixou escrito que levaba a Pessoa na pel e que tiña a Camões no sangue. Non o dubido. Tamén sabía ben quen fomos e quen eramos nós.
Particularmente aquela experiencia permitiume aprender moito da súa obra e presentalo nun acto multitudinario que se celebrou en marzo de 1989 no paraninfo da Universidade de Santiago. Hoxe penso, tantos anos despois, que aquilo foi unha regalía e este artigo así o quere testemuñar.
[Imaxe: Eduardo Parra - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário