terça-feira, 29 de novembro de 2022

Bob Dylan admite non ter asinado el a edición especial autografiada do seu novo libro

 

Esta versión de «The Philosophy of Modern Song» custaba 600 dólares e o artista usou un método automático para poder cumprir os prazos. Despois de que a editorial o negase, agora el pide desculpas

O cantante estadounidense Bob Dylan expresou o seu máis «profundo arrepentimento» por ter usado réplicas da súa firma en lugar da súa rúbrica orixinal na edición especial do seu novo libro The Philosophy of ModernSong, pola que os seus fans pagaron 600 dólares, e asegurou que o fixo porque lle dixeron que era «algo que se fai todo o tempo» no mundo da arte e a literatura. Tal e como indica EFE, nunha mensaxe no seu perfil de Facebook, Bob Dylan trata de xustificar a súa decisión asegurando que desde 2019 padece vertixe, polo que necesita estar con cinco persoas nas sesións dedicadas a asinar exemplares da súa propia man, un xeito de traballar que interrompeu durante a pandemia.

«Cos prazos contractuais achegándose, suxeríronme a idea de usar unha firma automática, xunto coa seguridade de que este tipo de cousas fanse todo o tempo' no mundo da arte e a literatura», escribiu Dylan antes de agregar que «usar unha máquina foi un erro de xuízo», e que xa se puxo a traballar coa editorial para rectificar o ocorrido.

As desculpas de Dylan prodúcense unha semana despois de que a editorial Simon & Schuster admitise que a firma dos 900 libros da edición especial non fora estampada pola man do artista.

«Queremos pedir desculpas a aqueles que compraron a edición limitada The Philosophy of ModernSong. Resulta que os libros da edición limitada conteñen a firma orixinal de Bob, pero en forma de réplica. Estamos a abordar isto de inmediato dando a cada comprador un reembolso inmediato», sinalou a editorial nunha mensaxe nas redes sociais.

A polémica arrincou a mediados de mes, cando se empezaron a entregar as copias da edición limitada da obra, que en teoría viña asinada «a man» polo lendario cantautor de 81 anos, tal e como testemuñaba unha carta de Simon & Schuster que acompañaba ao libro. Moitos compradores, con todo, acudiron rapidamente a foros de Internet para comparar unhas firmas que vían demasiado uniformes como para ser reais e algúns non tardaron en denunciar o que vían como unha estafa.

Aínda que inicialmente Simon & Schuster mantivo que os libros si que estaban asinados a man, finalmente cambiou a súa versión e optou por devolver o diñeiro.

O libro é o primeiro con textos inéditos que o cantante e compositor estadounidense publica desde 2004 e contén as súas reflexións sobre 66 cancións, desde London Calling de The Clash, ata Don´t Let Me Be Misunderstood interpretada por artistas como Nina Simone.

 
 

[Imaxe: Domenech Castelló - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário