A emigración galega a Barcelona foi unha realidade tan real como dolorosa para millares de familias que tiveron que saír do país en busca dun futuro mellor. O proxecto Proximidade Llunyana achega agora unha perspectiva en feminino do que foi ese éxodo rural de posguerra, unha visión moitas veces esquecida.
Esta exposición itinerante que deu comezo en 2022 e que xa se puido ver na cidade de Lugo, en Monforte e, até o 7 de outubro, na Fonsagrada achega unha perspectiva moitas veces esquecida do que foi a emigración no país e conmemora as vidas de mulleres que renunciaron por necesidade a todo aquilo que coñecían en busca dunha vida mellor.
"O proxecto pretende revivir as súas historias, mostrando os museos como contedores e conectores da memoria colectiva e construíndo historias individuais que acheguen unha perspectiva global de como a emigración afectou as netas, nais e avoas", segundo indican desde a Rede Museística de Lugo.
Na exposición pódese observar un diálogo do presente co pasado a través de obxectos, cartas e fotografía de mulleres do rural que ofrecen á persoa visitante conexión e empatía.
Toda unha dualidade entre o que queremos vivir e facer e o que as circunstancias nos obrigan a soportar, é por iso que desde a organización da exposición consideran que se pode aprender moito non só do que foi a época de posguerra mais tamén acerca da vida nos nosos días e as decisións que en moitas ocasións nos vemos forzados a tomar.
Non obstante, a emigración cara a destinos como Barcelona tamén debe ser aproveitada para abrazar unha conexión entre dous países, Galiza e Catalunya. Fogar e destinos conectados a través das dúas linguas que abrazan unha comunidade, unha cultura e raíces que se deron grazas a quen algún día se viu obrigada a facer as maletas e emprender unha viaxe cara ao descoñecido.
"Indagar, investigar e conservar"
De acordo coa Rede Museística de Lugo, "o obxectivo desta mostra é indagar, investigar e conservar de modo transversal as historias familiares, converténdoa nunha mostra itinerante en constante evolución, co fin de buscar respostas do pasado para poder ollar cara ao futuro".
[Foto: Rede Museística de Lugo - fonte: www.nosdiario.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário