terça-feira, 6 de setembro de 2022

Morriña

 Escrito por BIEITO ROMERO

Sinala a Real Academia Galega como unha das definicións de morriña a «pena ou sentimento melancólico por verse lonxe da casa, da terra, da patria ou dalgún lugar querido; nostalxia, saudade, señardade, soidade». Dita definición xa a coñecía dende hai tempo, como tamén tiña escoitado falar da morriña en innumerables ocasións, mais non acababa de comprender con claridade como sería o de sufrila.

Supoño que debe ser algo moi persoal que cada un sinte dun xeito determinado. Algo moi propio dos galegos pero que seguramente é común con moitos outros pobos do mundo. Cando o meu irmán maior traballaba na Suíza eu aínda era un cativo, pero lembro como se fose hoxe o drama das súas despedidas logo das vacacións na terra. Partíaseme a alma de ver un home feito e dereito chorando dunha maneira desconsolada e padecendo como se fose o seu último día de vida. Nunca entendín moi ben aquilo ata que souben do ancestral apego galaico ás raíces aínda que moitas veces nin sexamos conscientes de tal cousa.

Nese punto o concepto de morriña levado a unha expresión mais ou menos concreta comezaba a ter sentido para min. Eu viaxo con frecuencia, en ocasións máis lonxe e outras veces máis preto. Son maiormente viaxes de ida e volta con períodos curtos fóra da casa, pero coincide sempre que o día anterior a facer unha desas viaxes éntrame un sentimento de pena no meu interior que me choca moito. E chámame a atención porque en absoluto debería ter esa sensación xa que vou viaxar pracenteiramente, facer o que me gusta, que é tocar, e volver para a miña casa con relativa rapidez.

Mais aí está ese desacougo que noto ben e que penso que debe ser a morriña, ou polo menos a miña en particular porque, como dixen, considero que cada un ten a súa propia. En tanto, escribindo estas letras tiven a lembranza de que un amigo abriu hai pouco un fermoso local de hostalería con ambiente galaico nun lugar de Portugal ao que lle puxo o nome de Morriña, un deses espazos para reconfortar a alma nos momentos de desconsolo que padecemos os galegos polo mundo. Somos tan melancólicos como festeiros e viceversa, o que nos fai únicos aínda que nin o saibamos.

 

[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário