domingo, 25 de setembro de 2022

Indagan as relacións de nomes de lugares cos relatos xacobeos lendarios e reais

 

Comeza o Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago

«Avieira como símbolo dos viaxeiros, da peregrinación, é unha creación da lingua galega. Só en galego conflúen nunha mesma palabra o substantivo que designa a cuncha do bivalvo e o adxectivo relativo ás vías dos camiños», proclama o académico Gonzalo Navaza. O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago arrincou onte a súa andaina na Facultade de Filoloxía da USC (Universidade de Compostela) cunha indagación das relacións dos nomes de lugar cos relatos xacobeos lendarios e reais.

Foi Navaza quen abordou na conferencia inaugural as etimoloxías xacobeas, dende o inexistente campo de estrelas de Santiago ata o nacemento de Viana do Bolo e da Coruña. Ao longo de tres días, o congreso reúne especialistas de Galicia, a Península, Italia e Francia. O encontro cobrará hoxe pulo musical con Germán Díaz, que ofrecerá (ás 19.30 horas) un concerto aberto ao público sobre a zanfona e a ruta xacobea.

No comezo do congreso, organizado pola Real Academia Galega (RAG) coa colaboración da USC e a Asociación Galega de Onomástica (AGON), e o apoio da Deputación da Coruña e da Xunta, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, quixo pór de relevo a importancia deste encontro, que, anotou, «confirma a Academia e o mundo académico galego en xeral como un dos centros da toponimia, non só pola enorme riqueza que ten a nosa terra en nomes de lugar, senón pola tradición dos estudos de toponimia».

A académica Ana Boullón, organizadora do congreso xunto coa académica correspondente e presidenta de AGON, Luz Méndez, sinalou que o obxectivo é impulsar as novas investigacións sobre os nomes de lugar en Europa, a través dunha chamada á sistematización dos estudos científicos neste eido relacionados coas rutas xacobeas. «Queremos —di— que o europeísmo e tamén a multidisciplinariedade percorran as xornadas: a aplicación das novas tecnoloxías, a historia, a cartografía, o turismo ou a rehabilitación do patrimonio serán outros dos distintos eixes do proxecto».

O de Compostela foi un dos nomes abordados por Navaza, exemplo que dá conta da pegada na toponimia das crónicas do Camiño, lendarias e reais. Lembrou que é o diminutivo do resultado común galego do participio do verbo latino componere, con diversos significados, dende compoñer e construír ata adornar. «Quizais ten que ver con que a basílica de Santiago acabouse de construír a finais do século IX, o que explica a tardía aparición deste topónimo», suxire o profesor da Universidade de Vigo.

A crenza tan estendida de que Compostela quere dicir «campo de estrelas» ten en calquera caso moito de etimoloxía xacobea. Baséase nunha das lendas recollidas no libro cuarto do Códice Calixtino, o Pseudo Turpín (século XII), a crónica mítica da presenza de Carlomagno en Galicia. «Nos primeiros textos do Códice Calixtino menciónase a claridade cando se fala do lugar onde apareceu o sepulcro do apóstolo, pero non as estrelas. Estas non aparecen ata o Pseudo Turpín, no episodio en que Carlomagno soña que as estrelas o guían ata Santiago. Daquela, seguindo o camiño das estrelas, prepara a expedición na que irá deixando o Camiño libre de infieis. Este material lendario incorporouse ao Códice a partir da tradición da traslatio, a que explica como chegaron os restos do Apóstolo a Galicia ata o porto fluvial de Iria Flavia, que aparece nas fontes documentais con posterioridade á da inventio, a referida á descuberta do sepulcro do Apóstolo», detalla.

Malia ser o Pseudo Turpín un texto rexeitado pola ortodoxia católica, a lenda transmitiuse. No XV a estrela xa formaba parte da iconografía popular xacobea e no XIX chegou a oficializarse dalgún xeito cando o bispo López Ferreiro tivo por certa esta etimoloxía, dando comezo a unha serie de polémicas dentro da propia Igrexa, engade Navaza.

É un exemplo das etimoloxías fantásticas que imperaron durante séculos, antes de que se procurase o rigor científico. «Durante moito tempo a arte etimolóxica foi unha especie de rama da filosofía que consistía en ver o que esconden as palabras, en revelar a íntima realidade que designan, dicíase. E a través dela consolidáronse moitas ocorrencias e lendas», argúe Gonzalo Navaza.

Sobre Santiago, Liberum Donum, Libredón, Crunia, Faro e Brigantium

O outro elemento do topónimo da capital galega, Santiago, ten tamén unha clara orixe medieval asociada ao achado do sepulcro do apóstolo. «A aglutinación de santo ao nome non atopa equivalencia noutras linguas romances, agás no castelán porque o recibe do galego», indica Gonzalo Navaza, que aclara que formas como Xacobe non son completamente equivalentes a Santiago. A primeira refírese ao patriarca do Antigo Testamento, Iacob en latín; e Santiago é a forma aplicada aos apóstolos de Xesús a partir da forma latina Iácobus. Si son variantes de Santiago Iago ou Tiago, mentres que Diego, malia o que se adoita dicir, non garda relación.

Pero como se chamaba antes Santiago de Compostela? O Chronicon Iriense (século X) e a Historia compostelá (XII) rexistran a denominación en latín Liberum Donum, e só posteriormente aparece a correspondencia romance Libredón, que fai referencia ás terras seguramente doadas polas autoridades a raíz da descuberta do sepulcro e que gozaban da protección da coroa. «Isto explica outra etimoloxía xacobea, a do Milladoiro e outros lugares da zona co mesmo nome, porque as sucesivas doazóns de terra arredor do sepulcro iríanse marcando con miliarios».

O da Coruña é outro dos topónimos xacobeos estudados por Navaza que non proceden da tradición local, senón que foi tamén asignado polo rei don Afonso inspirándose nas crónicas carolinxias do Códice Calixtino, segundo propón o filólogo. Antes de pasar a chamarse Crunia no ano 1208, lembra, a cidade coñecíase como Faro, nome que á súa vez substituiría o antigo Brigantium.

[Imaxe: - RAG - fonte: www.lavozdegalicia.es
 

Sem comentários:

Enviar um comentário