sábado, 14 de maio de 2022

Emanuel, neofalante en Arxentina: “Dende o outro lado do océano tamén se pode loitar pola lingua”

  


Escrito por Carlota Álvarez 

O pai e a tía de Emanuel Castiñeira, naturais de Vilalba, marcharon á Arxentina, como fixeron moitos galegos. Tamén se foron a este país os avós maternos de Emanuel, que naceu e vive na cidade arxentina de Córdoba.

Ao outro lado do océano, a máis de 10.000 km de Galicia, Emanuel Castiñeira fala galego. El é un dos tantos fillos de emigrantes, polo que a súa vinculación con Galicia fixo que quixese aprender a lingua da súa familia.

Castiñeira conta que naceu entre palabras en castelán, pero que si oía unha lingua diferente entre o seu pai e o seu tío. “Nós entendiamos o que eles dicían, pero sempre foi unha lingua entre eles”, comenta, nun galego perfecto que se tingue con acento arxentino. A súa vinculación con Galicia sempre foi moi forte: apaixónalle a súa música e tradición e con 18 anos comezou a tocar a gaita, pero faltáballe o que el considera como a nai da cultura, a lingua. Foi por iso que decidiu aprender de maneira autodidacta o galego.

O salto a comezar a aprender e falar galego produciuse no 2020. Encerrado na casa por mor da pandemia, e sendo o primeiro ano que non podía celebrar o Día das Letras Galegas de maneira presencial coa Casa da Cultura Galega de Córdoba, viu que era o momento de empezar este camiño.

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, Emanuel cumprirá dous anos aprendendo a lingua, e ao outro lado do teléfono escóitase o seu galego fluído que demostra o traballo que hai detrás. A través do Portal da Lingua, comezou a achegarse á lingua, cunha hora diaria durante ese ano. Porén, critica as poucas facilidades que hai para aprender galego. “Temos a posibilidade de facer cursos do CELGA, pero hai que ter moita dispoñibilidade horaria. Ademais, non podemos certificar o noso nivel do idioma”. Así, Castiñeira lamenta a falta de oportunidades para obter un título de galego, que só se pode dende Galicia. “Queremos certificar que sabemos a nosa lingua, sentir que somos galegos e galegas como a xente que vive en Galicia”, critica.

Co cancelo #Querémolo, dende o 2020 estudantes de galego demandan a posibilidade de realizar probas para obter o Certificado de Estudos de Lingua Galega (CELGA) fóra de Galicia, unha iniciativa que partiu da conta @instaengalego. Emanuel é unha desas persoas que pide recoñecemento oficial do galego máis alá das fronteiras de Galicia.

ESPAZOS PARA O GALEGO NA ARXENTINA

Casa de Galicia de Córdoba é unha asociación sen ánimo de lucro que “impulsa, difunde e fortalece a cultura e a historia galega”, como explican na súa páxina de Facebook. Emanuel Castiñeira pertence a esta asociación e manexa as súas redes. Ademais, cada xoves reencóntrase con máis galegofalantes para conversar en galego nos Faladoiros de Vigo, unha iniciativa que xurdiu para poder practicar galego e compartir experiencias nesta lingua. “O mellor é atopar outra xente que fai o mesmo ca ti e reunirte con ela”, afirma.

A Casa de Galicia de Córdoba é lugar no que compartir cultura e tradición, pero Emanuel Castiñeira tamén se sorprende de que se achegue xente a eles co obxectivo de querer aprender galego. “Hai quen pregunta se hai clases en galego (na Casa de Galicia), persoas interesadas de diferentes nacionalidades, arxentinos, italianos… Nós ensinámoslle todos os recursos e posibilidades que poden ter”, comenta Castiñeiras.

Na Casa de Galicia de Córdoba, galegos espallan a nosa cultura, celebrando festas, foliadas, e achegándose máis ás tradicións galegas, como a música. Tamén dispoñen dunha biblioteca, que permite a quen o desexe acceder de maneira doada á literatura en galego.

UN FUTURO PARA A LINGUA

“A miña provincia é a que ten máis emigración galega”, destaca Emanuel Castiñeiras. O arxentino destaca a satisfacción de poder atopar persoas que compartan a súa cultura e as mesmas inquedanzas polo seu pasado. Aos seus 36 anos, estivo tres veces en Galicia, pero sente unha forte unión coa terra.

“É unha lingua que se está a perder, pero non vai ser pola miña culpa”

Porén, Emanuel lamenta a situación actual do galego e a despreocupación por parte das administración, polo que chama ao movemento persoal para loitar polo galego, independentemente de onde se viva, pois “o obxectivo é o mesmo”. “É unha lingua que se está a perder, pero non vai ser pola miña culpa”, comenta orgulloso.

Tras dous anos aprendendo galego, admite como no ámbito familiar hai coitelos, e non “cuchillos”, e sarabia, en vez de “caer piedra”. Emanuel ten unha sobriña pequena, que cando escoita ao seu tío dicir que está aprendendo galego, ela tamén afirma facelo. O galego ábrelle portas a Emanuel, que agora comprende mellor a cultura e achégase máis a Galicia. Reconfórtalle poder falar o idioma con outras persoas, pero máis o reconfortou que a primeira persoa de Galicia con quen puido demostrar o aprendido fose Sés, tras un concerto da artista en Córdoba. Reconfórtalle falar a lingua, e defende a validez desta ao igual que o resto de idiomas: “Co galego tamén se pode ligar”.

 

[Fonte: www.neofalantes.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário