segunda-feira, 11 de abril de 2022

Bas von Benda-Beckmann, retomando o relato onde o deixou Anne Frank

 

O selo Kalandraka publica o ensaio do historiador neerlandés en que lle segue os pasos aos oito habitantes do escondedoiro da Casa de Atrás despois do seu arresto

Retrato de Anne Frank.                                                                         Retrato de Anne Frank

Por H. J. P.

O 4 de agosto de 1944 as oito persoas que habitaban ás agachadas o edificio da rúa Prinsengracht número 263 de Ámsterdam foron descubertas e detidas por axentes da Sipo-SD (policía política alemá que operaba co apoio da dos Países Baixos). A familia Frank levaba alí oculta desde xullo de 1942, momento en que Margot (a filla maior) foi designada polas autoridades para presentarse a unha convocatoria para unha «dotación de emprego» en Alemaña. Aquilo formaba parte dun mecanismo de deportación masiva a Auschwitz previo paso polo campo de tránsito holandés de Westerbork.

Eran Otto Frank, a súa esposa Edith e as súas fillas Margot e Anne; o matrimonio Hermann e Auguste van Pels e o seu fillo Peter; e o dentista Fritz Pfeffer. Todos eran xudeus que chegaran aos Países Baixos fuxidos da Alemaña nazi nos anos 30 do século XX. Os oito acabaron agachados na chamada Casa de Atrás —a dianteira albergaba a compañía de Otto Frank, na que Hermann estaba empregado e que protectores e traballadores mantiñan en funcionamento para enmascarar o escondedoiro— nun intento de sobrevivir á persecución dos esbirros de Hitler, e con esa angustia conviviron ata que o seu segredo saíu á luz. Precisamente, nestes últimos tempos falouse moito de que un coñecido notario xudeu de Ámsterdam, Arnold van den Bergh, sería a persoa que os traizoou ao delatalos e axudar á policía a descubrir aquel apartamento cuxo acceso estaba detrás dun moble libraría que se desprazaba.

Con aquel arresto remata o relato de Anne, un relato que retoma agora o historiador Bas von Benda-Beckmann (1976) en Despois do diario de Anne Frank, que o selo pontevedrés Kalandraka trae, nunha tripla edición, ao galego, o castelán e o catalán. Na súa investigación, Benda-Beckmann séguelle os pasos aos oito habitantes da Casa de Atrás —e tamén reconstrúe os seus días antes da guerra—, dos que unicamente quedou un supervivente, Otto Frank. Compartiron destino inicialmente nun centro de arresto na cidade e despois en Westerbork, pero ao saíren de alí acabaron dispersos en distintos lager: Auschwitz-Birkenau, Bergen-Belsen, Mauthausen, Raguhn, Melk e Nauengamme. O ensaio recorre ás voces das testemuñas e a documentación oficial para un reconto da traxedia cru, pero rigoroso.

 

[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário