Vista do encoro de Lindoso, en Ourense.
Escrito por BIEITO ROMERO
Contaba o meu avó unha historia relacionada coa riqueza e a meteoroloxía na que un rei querendo gabarse do valor do seu reino encargou facer un carro de ouro macizo que sería tirado por dous impoñentes bois. Quería amosar deste xeito o poderío ante os seus súbditos que o admiraban e louvaban publicamente expresándolle o fermoso e impresionante que lles parecía aquilo. Mais de entre todos os presentes saíu un humilde labrego que observaba acenando, e respectuosamente recitou un refrán popular que di: «Xaneiro xeadeiro, febreiro amoroso, marzo ventoso, abril chuvioso, maio pardo e san Xoán, claro, valen máis que os bois e mais o carro».
A sabedoría popular é un valor que nos tempos actuais, e nesta nosa parte do mundo, non está moi considerada, o cal no referente á natureza fainos estar de costas ou mesmamente confrontados a ela. Xa é habitual escoitar frases feitas como a que di «o tempo está tolo», e é certo, pero probablemente se estea comportando de xeito desaxustado porque os que toleamos en verdade fomos nós coa nosa cobiza e falta de respecto polo medio, e debido a iso estamos provocando unha reacción climática que xera un gran problema que vai na nosa contra. Queixámonos de que non chove cando ten que chover, de que as temperaturas soben máis do normal, de que as sarabiadas arrasan colleitas enteiras, pero non pensamos nunha vida diferente e máis enfocada en equilibrar ese tipo de desaxustes. Vivimos nunha sociedade tristemente irrespectuosa coa natureza, agresiva co medio ambiente e iso sen dúbida xa está repercutindo negativamente en nós.
Hai tempo que xente moi implicada e estudosa dos cambios e anomalías que están acontecendo pretende avisarnos dos desastres que poden ocorrer nun futuro non moi afastado. Así que, volvendo ao refrán, de nada vale que teñamos un carro de ouro macizo tirado polos mellores bois se o básico e elemental que son as colleitas, por dar un exemplo, non frutifican porque a pauta do refrán non se cumpre. Educación medioambiental, políticas de futuro dirixidas á conservación dos ecosistemas e seguir un camiño de respecto poderían axudar a mellorar as cousas, mais non sei se a estas alturas estamos a tempo de reverter o que xa levamos estragado.
[Imaxe: Santi M. Amil - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário