quarta-feira, 26 de janeiro de 2022

O Día da Ilustración Galega recupera a figura fundamental de Reimundo Patiño

Artista, teórico, militante político incombustíbel e pioneiro da banda deseñada na Galiza. Reimundo Patiño será o protagonista do Día da Ilustración Galega, unha oportunidade inigualábel para recuperar unha das figuras fundamentais da cultura da segunda metade do século XX hoxe un tanto esquecido.

 Pormenor dun dos paneis de 'O home que falaba vegliota'.                                                                 Pormenor dun dos paneis de 'O home que falaba vegliota'.
 
Escrito por Manuel Xestoso
 

Compromiso coa arte, co seu país e co seu tempo. Se cadra, ese sería un bo resumo da traxectoria de Reimundo Patiño, protagonista da edición deste ano do Día da Ilustración Galega e elemento fundamental da evolución da arte e da cultura galega na segunda metade do século XX.

Nado en 1936, o golpe de Estado obrigou a súa familia a refuxiarse en Río de Quintas. En 1942 trasladouse a Monforte de Lemos, onde unha enfermidade o mantivo na cama cinco anos. Mais, sen dúbida, a experiencia que o marcou para sempre foi a profunda amizade que o ligou a Xohán Casal, quen lle deu acceso á biblioteca de seu pai e o puxo en contacto coa cultura galeguista. Patiño e Casal fundan a Liga Nórdica e a Unión de Artistas Ceibes, cuxa importancia non pasa de ser testemuñal mais que ilustra sobre o compromiso do artista coa arte do país.

En 1958, Patiño trasládase a Madrid e alí participa na fundación do grupo Brais Pinto -xunto con, entre outros, Méndez FerrínBautista Álvarez, Herminio Barreiro, Bernardino Graña ou Ben Cho Shey- e A Gadaña, que aposta nunha pintura de acción e polo carácter autosuficiente da experiencia artística. O seu compromiso político levouno a ser tamén un dos fundadores da UPG, sendo un dos que redactaron os célebres 10 puntos programáticos.

Patiño estudou as formas da paisaxe e da arte popular (as figuras de Santo André de Teixido, os cruceiros, os gravados nos xugos do gando, a arte medieval, os petróglifos) para vencellar a cultura galega á modernidade que representaban o expresionismo e o surrealismo que triunfaban en Europa e nos EUA.

Patiño introduciu o expresionismo abstracto na pintura galega; estudou as formas da paisaxe e da arte popular (as figuras de Santo André de Teixido, os cruceiros, os gravados nos xugos do gando, a arte medieval, os petróglifos) para vencellar a cultura galega á modernidade que representaban o expresionismo e o surrealismo que triunfaban en Europa e nos EUA; foi un teórico de primeira orde que publicou diversos ensaios sobre a arte galega (Encol do informalismoNoticias do grabador Ortiz, Seoane “Botella ó mar” no tempoA actual pintura gallega); participou na fundación de Estampa Popular Galega e do grupo Atlántica... E, non obstante, a súa figura parece terse desdebuxado desde o seu pasamento en 1985. Que foi o que ocorreu coa súa lembranza?

“Espero que dedicarlle o Día da Ilustración Galega sirva para volver proxectar a súa figura e recoñecer a grandísima importancia que tivo na cultura galega”, di Xulio Carballo, doutor en filoloxía e autor dunha tese sobre a banda deseñada na Galiza. “Patiño foi moi recoñecido no seu tempo: o seu falecemento provocou unha catarata de homenaxes, artigos e poemas dedicados á súa persoa -desde a práctica totalidade de artistas plásticos até escritores como Uxío Novoneyra ou Manuel Rivas- que o evocaban como unha figura transcendental da nosa cultura. E a min fáiseme moi estraño ver como todo iso se foi diluíndo no tempo. Deixouse de falar del, como se desaparecese, e non chego a entender a razón. Creo que hai que devolverlle o lugar que lle pertence como pintor, como pioneiro da banda deseñada, como teórico e, sobre todo, como un guieiro cara á modernidade para moitísima xente”.

Aproveitar o potencial da cultura de masas

A evolución de Patiño como artista foi decantándose por formas populares e da cultura de masas que lle permitían transmitir mensaxes de carácter ideolóxico sen renunciar á complexidade artística, de aí a súa relevancia como pioneiro da banda deseñada. “El foi quen fixo que todo estoupase”, explica Carballo. “Grazas a el, moitos artistas enfocaron a súa obra cara a esas formas procedentes da cultura de masas. Un dos seus compromisos foi o de dignificar o cómic para aproveitar esa capacidade de conectar cun público amplo e quitarlle esa consideración negativa que tiña en ámbitos académicos. E ademais, relacionándoo coa nosa arte popular, creando unha amálgama artística na que a tradición galega e a modernidade internacional se daban a man”.

A finais da década de 1960 e no inicio da de 1970 existía xa unha reflexión teórica sobre a cultura de masas que rompía cunha visión anterior que a rexeitaba de plano por frívola ou intranscendentes. Os cómics entraban nas galerías de arte e transformábanse en voceiros das novas correntes underground a través da reivindicación da sexualidade, das drogas e da mobilización antibelicista contraria á guerra do Vietnam; a iconografía pop chegaba ás obras de arte; e a música e o deseño asimilaban estas novas formas para fundirse con elas nun gran movemento contracultural.

"Estaba moi atento a todo o que sucedía a nivel internacional, non só a respecto da banda deseñada, senón tamén da arte e da literatura. E trasladaba todos eses coñecementos a xente que o arrodeaba e que buscaba novas formas de expresarse", di Carballo

“A consideración do cómic empeza a ser outra e xorden novos conceptos que se expanden desde Francia e desde os EUA”, declara Carballo. “E Patiño coñecía todas estas correntes: estaba moi atento a todo o que sucedía a nivel internacional, non só a respecto da banda deseñada, senón tamén da arte e da literatura. E trasladaba todos eses coñecementos a xente que o arrodeaba e que buscaba novas formas de expresarse. Era unha especie de Vicente Risco, transmitindo todas as novidades que chegaban de fóra a un grupo amplo de xente inquieta e cun compromiso político semellante ao seu. E todo iso cun coñecemento teórico vastísimo”.

Grazas ao exemplo e á obra de Patiño, moitos artistas descubriron o cómic. "O grupo do Castro, por exemplo, con Luís Esperante, ou, sobre todo, Xaquín Marín, a quen el mesmo convenceu de que os seus cadros eran tan narrativos que tiña que desenvolvelos en banda deseñada. Así naceu esa primeiro historieta galega publicada en prensa, O emigrante (1971) de Marín, ou o volume composto entre os dous, 2 viaxes".

O home que falaba vegliota

A obra máis coñecida de Patiño, O home que falaba vegliota, unha clara reivindicación do galego, un idioma perseguido naqueles últimos anos do réxime franquista, é un exemplo desa vocación popular que guiaba os pasos do autor. "É unha banda deseñada en forma de mural e que el proxectaba exhibir por varias localidades da Galiza", explica Carballo. "Quería unha arte que puidese espallarse e chegar a un amplo número de persoas". De feito, aquela obra chegou a un gran número de xente que despois se animou a facer banda deseñada, ao comprobar que era un xénero que podía conxugar o refinamento artístico e o compromiso político. "El demostrou que aquilo era arte cun enorme potencial non un subproduto cultural".

 
 
[Fonte: www.nosdiario.gal]
 

Sem comentários:

Enviar um comentário