quarta-feira, 24 de novembro de 2021

Xosé Carlos Caneiro participa no encontro mundial Los Borgeanos en torno ao escritor arxentino

 O autor galego abordará a súa obra narrativa e poética en diálogo con Esteban Pinotti

Estatua que recuerda a Borges en los jardines de la Biblioteca Nacional de la República Argentin                                       Estatua que lembra a Borges nos xardíns da Biblioteca Nacional da República Arxentina.

Los Borgeanos, reunión mundial é o título dun encontro telemático que reúne a diversos especialistas no escritor arxentino, e que conta coa participación do galego Xosé Carlos Caneiro. A súa intervención terá lugar mañá, día 25, e consistirá nunha charla co avogado e divulgador da obra de Jorge Luis Borges Esteban Pinotti, unha conversa na que se abordarán tanto a súa obra narrativa como poética.

O escritor e columnista de La Voz de Galicia Xosé Carlos Caneiro                                                       O escritor e columnista de La Voz de Galicia Xosé Carlos Caneiro. Imaxe: Santi M. Amil

Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) ocupouse polo miúdo da figura e a obra de Borges nunha biografía publicada xa no ano 2003. Dos moitos títulos do arxentino, Caneiro escolle catro para propoñer unhas reflexións que dan idea da altura literaria e profundidade do escritor, que asinou obras mestras como O Aleph. Deste libro di Caneiro: «Cabe no volume o máis estraño e inverosímil dende a máis absoluta naturalidade. Imprégnanos coa súa sabedoría, emociónanos coa súa sensibilidade, pertúrbanos cos seus símbolos. O Aleph: o lugar onde están, sen confundirse, todos os lugares do orbe vistos dende todos os ángulos. Están presentes, polo tanto, os temas que obsesionaron ao seu autor: a identidade, a morte, a transcendencia, a metafísica, o destino». O autor galego destaca tamén Historias da eternidade. «O ensaio que inicia e titula o libro é unha lúcida reflexión sobre o tempo e a súa negación. Imprescindible. En A doutrina dos ciclos reinterpreta a teoría do eterno retorno do seu amado Nietzsche. «Imprescindible para os amantes de Nietzsche e para os amantes de Borges», afirma.

Outra faceta que abordará Caneiro é a poesía do arxentino, e que foi recompilada nun só volume. «A obra poética de Borges resulta orixinal, perturbadora, sabia, eminentemente metafórica, vivencial, opaca e transparente a un tempo, vívida, irónica, transcendental. Escoller un só libro resulta imposible. Abondan os textos en prosa en textos como O facedor ou A moeda de ferroO outro, o mesmo compila os versos editados por Borges entre 1930 e 1960. El considerábao o seu mellor libro», explica. Por último, Caneiro escolle tamén A cifra, un libro de 1981 que é un canto a María Kodama, cunha dedicatoria ou inscrición que, no seu propio acto, Borges consideraba como un acto máxico.

Los Borgeanos propón un achegamento á obra de Borges a través de xogos de imaxinación e unha conexión a través das emocións. Tamén se sorteará unha viaxe a Arxentina.

[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário