O congreso sobre a autora abordou o seu papel intelectual na crise do 98
Emilia Pardo Bazán |
A casa-museo Emilia Pardo Bazán acolleu onte a terceira xornada do congreso internacional sobre a escritora, no que diversos especialistas abordan a súa figura e obra desde distintas perspectivas. Unha delas foi a identificación que a autora fixo do decoro como unha opresión que impedía a realización das mulleres. «Pardo Bazán identificou o decoro como un obstáculo para as aspiracións das mulleres e a súa realización como suxeitos desexantes», salientou a académica Marilar Aleixandre, quen citou un artigo de Pardo Bazán sobre a cuestión, publicado en 1915 pola revista La Ilustración Artística. Aleixandre destacou catro ámbitos nos que a escritora tratou de impugnar ese atranco que se lles impoñía ás mulleres: a ambición fronte ao recato que se lle asignaba á condición feminina, a realización da súa vocación como escritora profesional, a apropiación de territorios masculinos na escrita e a linguaxe. «A construción da súa identidade como escritora, que supón unha deconstrución de representacións sociais, realízase tanto explicitamente na súa propia voz, en ensaios e en artigos, como a través da ficción», explicou Aleixandre. Nese proceso, Pardo Bazán fixo seus «todos os temas, incluso os innomeables que, máis alá dos referentes ao desexo sexual e ao pracer das mulleres, abranguen todo o relacionado coas súas experiencias físicas, como parir ou aleitar, e os de carácter teórico, vedados ás mulleres».
Na súa intervención, Aleixandre fixo fincapé no feito de que Emilia Pardo Bazán nunca agochase a súa identidade tras un pseudónimo masculino, senón que sempre teimou na proxección pública da súa figura.
Pola súa banda, o tamén académico Ramón Villares abordou o papel intelectual que desenvolveu a escritora durante a crise do 98. Foi a única muller que participou no informe sobre oligarquía e caciquismo que o Ateneo de Madrid lle encargou a Joaquín Costa, ao mesmo tempo que desenvolveu a súa posición, aliñada coas teses rexeneracionistas, en artigos de prensa e conferencias. «Nin Unamuno se expresou como ela fixo, nin Azorín, nin moitos dos que coñecemos como Xeración do 98 se expresaron coa contundencia e co rigor que ela se expresou sobre esta crise nacional», afirma Villares, quen sostén que o claro posicionamento público de Pardo Bazán a sinalou como intelectual ademais de escritora.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário