domingo, 31 de outubro de 2021

Defensa e posta en valor do patrimonio onomástico galego

 Remata o coleccionábel 'Onomástica nacida da terra'

 
Atado de documentos. A documentación de diferentes periodos alicercou este coleccionábel. (Foto: Damián Porto) #onomástica #apelidos
Atado de documentos. A documentación de diferentes períodos alicerzou este coleccionábel.

 
"Debemos de evitar que o patrimonio onomástico desapareza, e con el, parte da nosa historia". Héitor Picallo, coordinador e responsábel do coleccionábel Onomástica nacida da terra, que pon hoxe o ramo a 31 fascículos que se publicaron canda Nós Diario de terza a sexta feira durante setembro e outubro, expresa así unha das finalidades desta iniciativa.
 

Ao longo de dous meses tratáronse máis de 200 apelidos, coa etimoloxía, unha ampla e rigorosa documentación e a base das investigacións de persoas doutas na materia, como alicerces.

"É palpábel que existe un patrimonio toponímico protexido legalmente, mais o patrimonio onomástico non", explica o investigador, que apunta a como apelidos con raíz en topónimos derivaron en "castelanizacións, hibridacións...", que supoñen unha deturpación do noso propio patrimonio.

Apoios

Este coleccionábel, apunta Picallo, quer ser una achega, unha chamada a que ese patrimonio onomástico "non desapareza".

Pon en valor a importancia do traballo que ao longo destes dous meses se foi publicando en Nós Diario: por unha banda, cunha documentación de apoio que evidencia a historia duns apelidos estreitamente ligados á terra.

Por outro, as achegas de especialistas como Gonzalo Navaza,  Henrique Costas, Ana Boullón, Clara Iglesias, Fernando Cabeza, ou Eligio Rivas, entre outras.

"Fago un chamamento a que todo ese patrimonio non desapareza", incide Picallo, que apela a "tomar conciencia para facer a restauración de cada un dos apelidos", conscientes de que neles vai, para alén da herdanza propia e familiar, tamén a da propia Galiza.

A porta que se fecha esta sexta feira, o coleccionábel dos apelidos, ábrese a vindeira segunda, 2 de novembro, cun novo coleccionábel: a guerrilla galega, ao descuberto. 

[Foto: Damián Porto - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário