terça-feira, 12 de outubro de 2021

Bosques da música

  Últimas noticias sobre A Lama. La Voz de Galicia                                                                                                                              Fraga de Catasós. en Lalín

Escrito por BIEITO ROMERO

No ano 2003 a produtora cinematográfica Via Lactea, baixo a dirección do valdeorrés Ignacio Vilar, estreaba a longametraxe documental Un bosque de músicas. Na película retratábase parte da traxectoria de Luar Na Lubre dende a súa creación ata aquel momento e o grupo era o protagonista principal. Nela tamén se pretendía visualizar a relación do noso traballo coa natureza da contorna mais próxima e cotiá, algo inherente no folk en xeral. Eses primeiros minutos da película foron rodados no teixidal de Casaio, en Carballeda de Valdeorras-Ourense, que polo visto é un dos máis importantes da península ibérica e creo que incluso de Europa. A música de fondo era a nosa e cadraba perfectamente ben, pero aquel teixidal tiña protagonismo propio e sempre pensei que nese bosque tiña que haber unhas sonoridades incríbeis.

A música dos nosos bosques é un legado que moi pouca xente aprecia na súa medida; é unha magoa desaproveitar esa riqueza tan marabillosa sobre todo téndoa tan preto. Cada bosque é un espazo natural con vida propia cheo de matices en función do tipo de árbores, fauna, estación do ano en que esteamos, momento do día ou climatoloxía que corresponda. Todo son detalles, sensacións, sonoridades, aromas, e tantas outras sutilezas que deberíamos saber interpretar e coas que deberíamos gozar como se estivésemos a escoitar unha marabillosa orquestra.

Atendendo a isto, na nosa terra temos lugares onde se xeran sons que poderían constituír auténticas sinfonías naturais como o xa nomeado teixidal de Casaio, a devesa da Rogueira en Folgoso do Courel-Lugo, o bidueiral de Montederramo na serra de San Mamede-Ourense, o faial da Pintinidoira en Cervantes-Lugo, as fragas do Eume na Coruña ou a fraga de Catasós en Lalín Pontevedra, por poñer algúns exemplos.

Lugares onde se sabemos escoitar temos a mellor das músicas, as auténticas, harmónicas, inspiradoras e que sandan a alma. Coidemos o que nos fai ben porque nos convén, e porque estes espazos son verdadeiras xoias patrimoniais.

 

[Imaxe: Miguel Souto - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário