sábado, 23 de outubro de 2021

A aldea gala segue sendo irredutíbel

Asterix e o Grifón é a nova aventura do pequeno heroe galo, editada nun lanzamento simultáneo en dezasete linguas diferentes. O novo álbum incorpora, como é habitual, novas preocupacións que o manteñen en sintonía coa actualidade: a defensa do medio ambiente e o feminismo. 

Un fragmento de 'Astérix e o Grifón'.
Un fragmento de 'Astérix e o Grifón'
  

Escrito por Manuel Xestoso

Sarmacia, ao sur da estepa rusa, é o novo destino de Astérix e, segundo explicaba un dos seus autores, Jean Yves Ferri, na presentación do novo volume da serie, o mais frío. Tamén é un lugar onde, para sorpresa do pequeno guerreiro galo, rachan algúns tópicos: as mulleres sármatas, por exemplo, son guerreiras nómades mentres que os homes viven coidando da aldea. O álbum púxose á venda este pasado xoves 21, de xeito simultáneo, en 17 países. A editorial Xerais participa deste lanzamento mundial coa versión en galego, que sae ao mercado en edición impresa e en formato electrónico.

Astérix e o Grifón é o primeiro volume da serie despois da morte do último dos autores orixinais, Albert Uderzo, falecido en marzo de 2020. É a quinta das aventuras dos galos asinada polo guionista Jean-Yves Ferri e o debuxante Didier Conrad, que até o de agora, foran asesorados por Uderzo.

“Creo que o máis destacábel das aventuras de Asterix é que sempre se manteñen fieis ao seu tempo, sempre introducen temas e personaxes de actualidade”, di Alejandro Tobar,

Alejandro Tobar, un dos tradutores da obra -xunto con Xavier Senín e Isabel Soto- confesa, porén, que non é quen de ver grandes diferenzas cos libros anteriores. “No debuxo, desde logo, eu non son capaz de detectar grandes disparidades. No guión, si que hai foros de seguidores nos que se bota de menos a figura de Uderzo”. En realidade, esa nostalxia xa abrollara en 1977, cando, despois da morte do guionista orixinal, René Goscinny, Uderzo, o debuxante, se fixo cargo tamén de escribir as historias dos álbums que seguiron.

Coma en todos os novos episodios da saga, hai algunhas novidades: “Por primeira vez se bota man dun ser ficticio como é o Grifón”, explica Tobar. “Mais creo que o máis destacábel das aventuras de Asterix é que sempre se manteñen fieis ao seu tempo, sempre introducen temas e personaxes de actualidade”.

A preocupación polo medio ambiente, as teorías da conspiración e o feminismo destacan no relato da nova aventura de Astérix, aínda que, como lembra Tobar, “xa a anterior aventura, A filla de Vercinxetórix, mostraba esa preocupación pola ruptura cos roles de xénero tradicionais. En xeral, os autores sempre están moi atentos ao que sucede no mundo para reflectilo en cada un dos álbums novos. Con aquel álbum anterior mesmo se falou dos paralelismos entre a protagonista e a activista medioambiental sueca Greta Thunberg".

Mais existen marcas da casa que permanecen inalterábeis e que os seguidores recoñecerán inmediatamente, como os xogos tipográficos para caracterizar certas linguas ou, como lembra Tobar, "as referencias á propia actualidade francesa. Neste volume, por exemplo, fai unha aparición o polémico escritor Michel Houellebecq, e fanse alusións ao conflito que a multinacional Amazon mantén co goberno francés. Son cuestións que, cando traducimos, traballamos moito en colaboración coa propia editorial francesa, para que todo sexa intelixíbel para o lector galego”.

A primeira edición en galego de Astérix data de 1976, cando a libraría Arenas da Coruña iniciou a tradución de catro títulos da serie que contaban co valor engadido dun tradutor de luxo: Eduardo Blanco-Amor.

O longo camiño á normalización 

A primeira edición en galego de Astérix data de 1976, cando a libraría Arenas da Coruña iniciou a tradución de catro títulos da serie que contaban co valor engadido dun tradutor de luxo: Eduardo Blanco-Amor.

Porén, as edicións de Arenas cesarían en 1978 e o heroe galo non volvería a falar galego até 1992, cando un convenio entre Grijalbo (a editorial titular dos dereitos no Estado) e Galaxia permitiu que esta última editase 14 títulos até 1998.

Logo virían outros dez anos de silencio, durante os que Astérix mesmo chegou ao Parlamento de Galiza grazas a unha iniciativa do deputado do BNG Bieito Lobeira que reclamaba -seguindo o ronsel dunha recollida de sinaturas iniciada pola Mesa pola Normalización Lingüística cun importante seguimento- que se tivese en conta a demanda de pais e nais e de centros de ensino de exercer os seus dereitos lingüísticos na lectura das aventuras de Astérix.

Finalmente, en 2013, Xerais asinaba un acordo con Salvat para retomar a serie en galego. Desde entón, as novas aventuras de Astérix publícanse ao mesmo tempo que no resto do mundo: Astérix e os pictosO papiro do CésarAstérix en ItaliaA filla de Vercinxetórix e, agora, Astérix e o Grifón participaron dos lanzamentos mundiais con que se anuncian as periódicas chegadas dos personaxes galos ás librarías.

“É un factor de normalización moi importante”, apunta Tobar. “O lanzamento de cada unha das novas aventuras de Astérix é un dos acontecementos editoriais de máis relevancia no mundo, e que o galego estea presente é un sinal de que a nosa cultura posúe a vitalidade suficiente para manter o pulso da actualidade".

 

[Imaxe: Xerais - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário