quarta-feira, 7 de julho de 2021

Conversacións en La Catedral

 

 

Un artigo de Martín Álvarez Rodríguez

Este libro relátanos unha serie de historias entrelazadas con un personaxe central en común, Santiago Zavala, fillo dunha rica familia peruana que entre a rebeldía e o nihilismo describirá unha traxectoria vital canto menos curiosa. A través desta obra podemos somerxernos no Perú gobernado polo autócrata Odría, tratando temas como o racismo, a prostitución, o clasismo, a corrupción, o periodismo… pero todos de forma anecdótica e superficial, sen moralismos baratos. Unha obra dun fondo realismo (sen historias de pantasmas que rompan o relato), en momentos cru e noutros máis doce.

A través desta novela Vargas Llosa trata de amosarnos a vida do seu país nos intres nos que aínda non se “fodera” definitivamente, tal como afirma o protagonista (no que se poderían atopar certas trazas autobiográfícas). Un dos temas centrais da primeira parte da obra será o que recorda ó flirteo do mozo Llosa con faccións esquerdistas. Certamente dásenos unha imaxe bastante verídica do que debía ser a militancia política nestes anos, con persoas das clases medias e altas en partidos que dicían representar á esquerda pero que se atopaban tan apartados do movemento obreiro como Plutón do Sol. Isto, a raíz da eclosión posterior ó maio do 68, será o que Clouscard denominará “ideoloxía do desexo”, os cimentos do posterior “neofascismo” que abalará á revolución conservadora. Deste xeito o mozo protagonista entrará na “militancia” por amor, pero non a unha causa revolucionaria, se non a unha fermosa rapaza que coñece na facultade de San Marcos. Ten gran valor que o autor se decida a relatar este curioso episodio da súa vida de xeito novelado, xa que o fai sen prexuízos e sen caer na idealización vana da xuventude. Do mesmo xeito describirá a resolución da súa situación amorosa, pero para descubrir isto xa vos teredes que internar na lectura do libro…

Fonte: razonpublica.com

Ó mesmo tempo relátase o funcionamento interno do réxime autoritario de Manuel A. Odría (1948- 1956), e a súa “revolución restauradora”, que estaría coroada co lema “Saúde, Educación e Traballo”. Pero o autor non entra na caracterización ideolóxica do réxime, se non que describe os mecanismos internos do mesmo: as diferentes faccións do poder, a corrupción e o clientelismo, a importancia do exército… O fracaso do réxime, abandonado por certos sectores dereitistas que antes o apoiaron, é moi significativo para entender este tipo de fenómenos, xa que como lle di Cayo Bermúdez ó pai do protagonista, a ditadura fixera a labor de escoba, limparon o país e sacaron o lixo, polo que ó cumprir esta función xa deixaron de ter utilidade.

Un libro para iniciados, xa que a narración non segue unha liña cronolóxica con saltos espazo-temporais, ademais de que a mestura de diferentes diálogos ó mesmo tempo pode resultar algo caótica, pero no fondo o propio título do libro xa nos indica do que se trata, dunha conversación en La Catedral… Deste xeito o máis interesante non se sitúa no final da obra, si non nos detalles do cronístico relato, de gran interese para calquera que lle interese a historia contemporánea do Perú e da América Latina. A pesar disto, o autor consegue manter a tensión narrativa e o interese ata o final, dun xeito continuo e non caendo no recurso fácil da esaxeración ou a vulgaridade. Quizais un dos poucos peros que se lle pode poñer á obra é a ausencia no relato da clase traballadora, xa que o autor alude abordala (algo que cadra bastante coa súa ideoloxía) e cando quere facer adoita recorrer á figura do traballador que soña con ser futuro empresario, ou recorre ó fácil recurso do lumpen.

[Fonte: www.mazarelos.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário