O consistorio, gobernado polo Partido Popular, incumpre así a súa propia ordenanza municipal para a normalización da lingua galega.

Esta cláusula chamou a atención de asociacións que contan coa defensa da lingua galega entre os seus obxectivos. Unha delas foi a Asociación Cultural Vagalume, que publicou unha queixa tamén remitida aos medios de comunicación.
"Velaquí a lección", escriben, "o galego é unha lingua subsidiaria que non serve para nada; se alguén desexa utilizala, terá que engadir a tradución no idioma que realmente conta, o castelán, lingua na que tamén está redactado o documento".
Pola súa banda, Prolingua, a Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua, publicou unha carta aberta ao alcalde da Estrada, o popular José Carlos López Campos, na que reproba a cláusula dos pregos que obriga a traducir a lingua galega.
Ordenanza municipal
Alén das críticas, Vagalume lembra que o consistorio aprobou no mes de febreiro de 2018 a Ordenanza reguladora de normalización lingüística cos votos a favor de todas as formacións políticas. Daquela gobernaba o actual rexedor, no cargo desde 2011. A ordenanza fixa o galego como o idioma de "uso normal no Concello". A lingua, polo tanto, "na que irán redactados todos os documentos".
Un dos apartados da norma recolle que os estudos, proxectos e outros traballos que o Concello da Estrada encargue a terceiros deberán ser presentados en galego. Polo tanto, os pregos e a cláusula que exixe a tradución incumprirían a ordenanza.
"Desde a Asociación Cultural Vagalumes manifestamos a nosa repulsa e indignación perante este feito e facemos un chamamento ao Goberno municipal para que, cando menos, cumpra a súa propia lexislación", afirma o colectivo.
Na Estrada ten a súa praza como técnico de normalización lingüística o actual secretario xeral de Política Lingüística na Xunta, Valentín García. Cuestionado por Nós Diario, nin o Concello nin o propio García, en excedencia, valoraron esta discriminación do idioma.
[Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez - fonte: www.nosdiario.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário