Por XESÚS ALONSO MONTERO
O pasado martes (ou o mércores) fixo 84 anos que asasinaron a Federico García Lorca no barranco de Víznar (Granada), pois hai biógrafos que sitúan esa inmensa traxedia no 19 de agosto e outros no 18 (Celso Emilio Ferreiro comezaba un famoso romance seu con estes dous versos «O dezanove de agosto / chegou a morte a Víznar»). Pero este artigo non se vai centrar naquela morte decretada desde arriba, como ben se sabe hoxe; vaise centrar nun tempo moi entusiasta da vida, tan rica e tan fértil, de Federico: nos anos en que escribiu (con non pequena colaboración) os Seis poemas galegos, publicados en 1935 en Santiago, na editorial Nós, por Ánxel Casal, este, si paseado o 19 de agosto do 36.
Sobre a autoría dos Seis poemas galegos téñense vertido regueiros de tinta; mesmo no presente mes de agosto, algunhas voces pouco eruditas nesta materia volveron sobre o tema e a teima de que o tradutor ao galego dos versos de Lorca fora Eduardo Blanco-Amor, quen, como lembrarán moitos lectores, só foi o editor literario e o prologuista da primeira edición do famoso opúsculo. Cómpre ter moi en conta que o propio Blanco-Amor, en 1949, escribiu a Ernesto Guerra da Cal, exiliado nos Estados Unidos, preguntándolle quen fora o colaborador lingüístico de Lorca na composición daqueles poemas en galego. O ilustre exiliado contéstalle axiña cunha carta que é definitiva para a cuestión: «Él [Lorca] me decía un verso en castellano y yo lo traducía libremente al gallego, buscando como es natural, las palabras que a él más pudieran impresionarlo por color, sonido y evocación mágica. Si no le gustaba alguna, yo le daba otra opción, y él, augustamente, elegía la que le salía de los cojones líricos».
Así pois, os poemas galegos son de dous autores: o principal, Lorca, o creador literario (concepción do poema, recursos poéticos...), e Guerra da Cal, dicionario vivo, colaborador lingüístico (non sempre mecanicamente aceptado). Isto, como se di na mesma carta, refírese a cinco poemas, todos agás o primeiro, que aínda está por dilucidar. Quizais o dicionario desa primeira composición, xa publicada en 1932, foi Serafín Ferro, escritor galego moi vencellado a Lorca, tanto que foi amante seu (como o foi de Luis Cernuda).
Volvéndomos aos cinco poemas de García Lorca / Guerra da Cal (sempre aquel en primeirísimo lugar), hai que subliñar que Blanco-Amor, no prólogo de 1935, non conta toda a verdade cando afirma que, como editor literario, só se limitou a unha pequena revisión ortográfica. Como sostén unha especialista na cuestión textual dos Seis poemas galegos, Blanco-Amor corrixiu o galego ás veces e «mentiu reiteradamente sobre os manuscritos; por iso suprimiu a única dedicatoria que aparecía nos Seis poemas, a da Cantiga do neno na tenda, que estaba dedicada “A Ernesto P. Guerra (pola man do mesmo Guerra, todo hai que dicilo)”». Estas palabras pertencen á Conclusión dunha investigación de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda de 1998, Proposta de edición dos “Seis poemas galegos” a partir dos manuscritos, publicada recentemente no número 223 da revista Grial. Debemos aclarar que a autora deste traballo é unha estudosa e admiradora da personalidade literaria de Eduardo Blanco-Amor. Dela son estas palabras na mesma Conclusión: «Blanco-Amor quixo adscribir o nome de Lorca á poesía galega sen ningunha sombra de dúbida; por iso omitiu, no prólogo, toda referencia a Guerra da Cal».
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário