A vila do mañá, detalle do deseño da web.
“Nun tempo tivemos medo do monte. Era o monte de lobo, do ogro, da escuridade. Era o lugar onde nos podíamos perder. Cando os avós contábannos contos, o monte era o lugar preferido para ocultarse os inimigos, as trampas, as angustias. […] Nun tempo, sentímosnos seguros entre as casas, na cidade, ca veciñanza. Este era o sitio onde buscabamos ós compañeiros, onde os atopabamos para xogar xuntos”.
“Pero en poucas décadas, todo cambiou. Houbo unha transformación tremenda, rápida, total, como nunca a viu a nosa sociedade (polo menos segundo consta na historia documentada). […] O monte pasou a ser fermoso, luminoso, obxecto de soños e desexos. A cidade, en cambio, converteuse en algo sucio, gris, monstruoso“. Esta é a historia de Francesco Tonucci que recolle a web do proxecto A Vila do Mañá.
Trátase dun proxecto que quere volver a facer que a cidade sexa “o noso sitio, o noso lugar”. A Vila do Mañá é un proxecto educativo que, dende a infancia e a través do xogo, permitirá tomar conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe. Co obxectivo de que os nenos aprendan a mirar os seus espazos con dúas poderosas ferramentas: a arte e a arquitectura.
A cidade como taboleiro de xogos e laboratorio de experiencias
Este é o proxecto no que traballan a Deputación da Coruña e o estudo de arquitectura Post Arquitectos para crear a reflexión crítica dos máis cativos sobre as nosas vilas. O proxecto A Vila do Mañá, conta ademais coa colaboración de 16 concellos da Asociación para a defensa do patrimonio galego (Apatrigal) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC).
Trátase de que a vila se converta nun taboleiro de xogos e laboratorio de experimentación no que os nenos e os adolescentes poidan actuar dende un novo punto de vista. Son exploracións de 5 días con actividades con nenos de 3 a 5 anos dentro do taller e actividades experimentais exteriores desenvolvidas con nenos de 6 a 17 anos.
“Queremos dar voz ós que normalmente non a teñen, os nenos e os adolescentes, impulsando o seu dereito para formarse un xuízo propio do hábitat no que viven e a poder expresalo e poñelo de manifesto” afirman no proxecto. “Buscamos estimular unha actitude crítica para impulsar o seu desenvolvemento como unha cidadanía activa. Pois eles serán os responsables da cidade do futuro“.
[Fonte: www.historiadegalicia.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário