O proxecto 'O Son da balea' busca financiamento para ver a luz
Por H. Pena
Nunha data non tan afastada como é o ano 1986, o Estado español certificaba a súa adhesión á prohibición mundial da caza e comercio das baleas. Así, quedaba atrás unha historia de séculos que representa un dos episodios máis sanguentos e esquecidos das costas galegas. De feito, a Galiza foi o derradeiro lugar onde foi posíbel cazar estes maxestosos xigantes mariños.
Agora, case 35 anos despois, unha curtametraxe titulada O son da balea pretende evitar que todo isto caia no esquecemento, poñendo o foco na superación da perda, a loita contra os propios demos e en como conseguir "gañar a partida ao pasado".
Cunha rodaxe prevista para o vindeiro mes de setembro na illa de Ons, este proxecto, dirixido polo realizador Daniel Suárez Rubini e producido por Lua Ideas e Dorna Films, quere constituírse nun "testamento fílmico" daquela realidade que hoxe xa non existe, así como "nun grito de guerra contra a brutalidade animal, a destrución dos ecosistemas e de apoio á conservación das especies que habitan o noso planeta Terra".
Ficción, misterio, cine social e compromiso medioambiental e animal súmanse para dar lugar a esta peculiar proposta, que tentará concienciar sobre o sacrificio inxustificado destes mamíferos mariños.
Campaña de micromecenado
Para que este proxecto saia adiante, as súas responsábeis adoptaron a estratexia do micromecenado, que comezou esta semana na páxina verkami.com/projects/27327-o-son-da-balea.
Como é habitual, existen unha serie de recompensas para as distintas achegas -desde os 15 até os 500 euros- que axuden a sacar adiante unha curtometraxe coa que se pode contribuír economicamente ao longo dos próximos 30 días.
[Fonte: www.nosdiario.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário