domingo, 5 de julho de 2020

«Palabras de Opoton o Vello», un clásico da literatura catalá verquido ao galego

A novela de Avel·lí Artís-Gener dálle a volta á historia e freta seis canoas aztecas rumbo a Galicia no ano 1489, pouco antes de que Colón chegara a América
Retrato do escritor Avel•lí Artís-Gener (Barcelona, 1912-2000) e detalle dá portada do seu libro «Palabras de Opoton ou Vello», na edición de Xertais.
Por H. J. P.

O escritor catalán Eduard del Castillo Velasco (Barcelona, 1982) vén de traer ao galego un clásico das letras da súa terra, Palabras de Opoton ou Vello, unha novela practicamente descoñecida en Galicia, como descoñecido é o seu autor: Avel·lí Artís-Gener (Barcelona, 1912-2000), ou Tísner, acrónimo saído da unión das últimas sílabas dos seus apelidos. Artís-Gener coincidiu cun grupo de galegos na súa viaxe cara o exilio mexicano a bordo do barco Ipanema, que partiu do porto occitano de Trompeloup, na localidade francesa de Pauillac, o 12 de xuño de 1939.

Máis alá do relato daquela travesía -periplo que compartiu con membros do Partido Galeguista e de Esquerda Republicana- que recolleu no seu libro A llarga navegació, ese vínculo galego marcaría moitos aspectos da súa vida, estendidos á súa longa estadía mexicana, por más de vinte anos. De aí, desa comunidade de galegos, saíu a idea da que será a súa gran novela: Palabras de Opoton ou Vello, cuxa xénese concibiu nos estudos da produtora onde se facía Tee-Revista, o noticiario cinematográfico do que era director o cineasta ourensán Carlos Velo e no que Tísner comezou a traballar como escenógrafo.

Fixo tres versión do texto e non publicou a definitiva até 1968, xa de regreso en Barcelona. Lémbrao nun substancioso prólogo o tradutor, filólogo, poeta e libreiro -andou tras o proxecto compostelán Chan da Pólvora- Eduard Velasco, quen considera que a novela é non só unha homenaxe a México senón tamén «unha defensa férrea da liberdade dos pobos, un canto á convivencia das culturas e unha reflexión -polo tanto, unha chamada de alerta- sobre o que nunca debera acontecer». O relato de Artís-Gener, cheo de humor, dálle a volta á historia e freta seis canoas aztecas rumbo a Galicia no ano 1489, pouco antes de que Colón chegara a América. Opoton o Vello narra nun manuscrito as vicisitudes da expedición.

[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário