- Poderanse contemplar máis de 230 pezas que van desde proxeccións e imaxes de rodaxe, a carteis ou obxectos como a vasoira de Harry Potter ou un King Kong xigante
- Román Rodríguez salientou “a oportunidade que ofrece a celebración do vindeiro Ano Santo para gozar de iniciativas culturais como esta mostra, con fondos dunha das mellores coleccións cinematográficas do mundo”
- Marc Benhamou Gallego expresou o seu desexo de que “esta exposición contribúa á proxección dun Xacobeo 2021 no que estamos profundamente implicados”
- Comisariada pola directora do Servizo Educativo de La Cinémathèque française, Gabrielle Sébire, é a primeira exposición do Gaiás tras a emerxencia sanitaria
O Museo Centro Gaiás exhibe desde hoxe Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia, unha exposición organizada por La Cinémathèque française e a Fundación "La Caixa", en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do Xacobeo 2021. A mostra convida a un percorrido a través dun século de historia do cinema e a unha reflexión sobre o papel fundamental da infancia na creación de relatos e personaxes no cine, así como sobre a influencia que ten a sétima arte no propio desenvolvemento persoal durante a nenez. Nesta viaxe por filmes de diferentes épocas, xéneros e contextos xeográficos, poderanse contemplar desde proxeccións e fotografías de rodaxe, a carteis ou obxectos senlleiros tan icónicos como a vasoira de Harry Potter ou unha reprodución da personaxe de King Kong de máis de dous metros de altura.
O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez agradeceu á Fundación ”la Caixa” a súa “colaboración e aposta polo Xacobeo 2021, no marco do que o público galego poderá desfrutar de iniciativas culturais como esta exposición, que trae a Galicia máis de 230 pezas procedentes das coleccións de La Cinémathèque française, consideradas das mellores do mundo no ámbito cinematográfico, así como dos fondos persoais de cineastas e coleccionistas”.
O titular de Cultura en funcións do Goberno galego destacou tamén que esta mostra “afonda na liña de traballo iniciada en 2014 coa exposición Cinegalicia25 e dedicada á sétima arte, que naquela ocasión propuña no Museo Gaiás un percorrido por un cuarto de século do noso audiovisual, partindo da estrea en 1989 das tres primeiras longametraxes de ficción galegas”. Neste sentido, Román Rodríguez quixo destacar os dous filmes galegos lembrados nesta exposición: A lingua das bolboretas e Todos vós sodes capitáns, incluídos na escolma de grandes e icónicas obras da historia do cinema, onde tamén atopamos desde O ladrón de bicicletas, Tempos Modernos, Cinema Paradiso ou Os 400 golpes ás máis contemporáneas E.T.ou Parque Xurásico.
Patrocinio do Xacobeo 2021
Durante a inauguración da mostra, o delegado territorial de CaixaBank en Galicia e Castela León, Marc Benhamou Gallego, expresou pola súa banda o seu desexo de que “esta exposición permita, por un lado, achegarnos cara a esa normalidade que desexamos recuperar, e, por outro, axudar na proxección dun Xacobeo 2021, no que estamos profundamente implicados”. O pasado mes de marzo, a entidade anunciou un investimento de cinco millóns de euros para apoiar a celebración do Xacobeo 2021, colaboración que inclúe tanto o apoio a iniciativas da Xunta de Galicia como a organización de actividades culturais propias da Fundación ”la Caixa” no marco do Ano Santo.
No acto, que tamén contou tamén coa presenza do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, da comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e da delegada de la Fundación ”la Caixa” en Galicia, Susan Santos, proxectouse ademais un vídeo da directora do Servizo Educativo de La Cinémathèque française e comisaria da mostra, Gabrielle Sébire, que non puido estar presente fisicamente en Santiago de Compostela debido ás restricións da covid-19. Na súa intervención, a comisaria quixo convidar a todo o público a “descubrir a gran importancia dos cativos no cinema, que os filmou desde as súas orixes en todos os continentes, en todas as épocas e en todos os tipos de cinema, e a viaxar polas emocións que experimentan, senten e expresan os cativos tal e como os plasmou a sétima arte”.
A mostra que se poderá visitar no terceiro andar do Museo Centro Gaiás a partir de hoxe e ata o 10 de xaneiro de 2021, propón unha viaxe para percorrer o camiño de nenos e nenas nos filmes, a través de películas de diferentes xéneros e medios creativos –animación, ficción, documental…– que datan desde as orixes do cinema ata os nosos días e proveñen de distintas latitudes, o tamén que nos ofrece unha visión da historia da sétima arte e dos distintos xeitos de contar historias en diferentes culturas e contextos. A exposición desvela tamén os misterios da creación cinematográfica e as distintas formas que esta ten de xerar fascinación, de forma que a viaxe é dobre: cara aos días da propia infancia e cara aos segredos da produción cinematográfica.
Con esta proposta, o Gaiás quere ofrecer tamén un plan en familia no que a cativada poderá descubrir a maxia do cine e as persoas adultas poderán revivir os filmes que marcaron a súa propia infancia, como Mary Poppins, The Kid, A bela e a besta ou Só na casa.
A exposición que agora chega á Cidade da Cultura expúxose con grande éxito en La Cinémathèque française no ano 2017, e itinerou posteriormente nos centros CaixaForum de Sevilla, Zaragoza, Girona, Lleida, Tarragona e Málaga.
Primeira exposición tras a covid-19
Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia é a primeira exposición que inaugura o Museo Centro Gaiás tras a covid-19. Co obxectivo de recuperar a programación cultural en condicións de seguridade para todas as persoas visitantes, tomáronse medidas como a eliminación das entradas e folletos de sala en papel –substituíndoos polo seu equivalente dixital– a obriga no emprego de máscaras de protección e no mantemento da distancia social, a dotación de xel hidroalcólico á entrada da sala, ou a realización dunha montaxe en sala que facilite a circulación das persoas visitantes mantendo as distancias de seguridade.
[Fonte: www.cultura.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário