Pontevedra acolle a 'V Xornada de Onomástica' o vindeiro 7 de novembro
A académica e coordinadora do programa, Ana Boullón.
Os nomes comerciais identifican todo tipo de produtos, como bares, restaurantes ou tendas, e tamén deixan unha importante pegada na paisaxe lingüística, até o momento pouco estudada entre os e as especialistas nos nomes propios da península Ibérica.
Por iso, a Real Academia Galega (RAG) promoverá a reflexión sobre as tendencias na denominación dos estabelecementos e dos produtos comerciais e sobre o seu papel na normalización lingüística na V Xornada de Onomástica Galega, que terá lugar o vindeiro 7 de novembro no Museo de Pontevedra.
Este ciclo, que vén desenvolvéndose desde o ano 2016 grazas á colaboración entre a propia RAG, a Deputación e o Museo de Pontevedra, está aberto á participación da cidadanía, que terá até o vindeiro 15 de outubro para inscribirse enviando un correo electrónico a publicacions@academia.gal.
O valor da marca
As académicas Ana Boullón e Luz Méndez coordinan un programa que contará con voces da filoloxía e da dinamización lingüística xunto a outras do mundo empresarial e da creación de marcas. No encontro examinaranse algúns dos sectores implicados na concepción de nomes comerciais, o valor das marcas galegas ou as estratexias de márketing empregadas.
Entre outros actos, a xornada contará cun relatorio sobre a denominación da disciplina dedicada ao estudo dos nomes das marcas a cargo do coordinador do Seminario de Onomástica, o académico Antón Santamarina, e outro sobre o valor dos nomes para as marcas, as empresas e os dominios en internet do profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado.
Pola súa banda, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Álvarez de la Granja falará dos recursos lingüísticos das marcas comerciais e a profesora Sara Míguez referirase á relación das marcas coa paisaxe lingüística desde o caso particular de Redondela.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, trazará unha viaxe pola historia a través das cabeceiras galegas, á que sucederá unha achega sobre os nomes das adegas e dos produtos da denominación de orixe do Ribeiro a cargo de Raquel Pérez Tizón.
Ademais, Elena Ferro, Xosé González Martínez, Irene García e Raquel Boo protagonizarán unha mesa redonda.
[Imaxe: CRTVG - fonte: www.nosdiario.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário