Por BIEITO ROMERO
Hai poucos días tocou viaxar pola parte de Normandía. Unha rexión fascinante con moitas similitudes coa nosa Galicia, comezando polo verde da súa paisaxe. Situada nun dos extremos noroccidentais de Francia e máis ao norte da Bretaña, é un territorio cheo de historia e vellas tradicións milenarias. Terra de labregos e mariñeiros, lugar de boa sidra, gandaría, bos queixos e produtos do mar en todas as súas variantes.
Pero se é coñecida, desgraciadamente e por riba de todo, é polo famoso desembarco aliado que supuxo o comezo do remate da absurda, terrible e traumática Segunda Guerra Mundial, da que aínda quedan abondosos vestixios e recordos en moitos lugares deste fermoso territorio. Desta volta fun a un pobo costeiro chamado Port en Bessin-Huppain, no departamento de Calvados, na baixa Normandía; un lugar mariñeiro e turístico onde esas dúas actividades se combinan harmonicamente, enriquecendo e dando vida a todo o seu entorno.
E nestes lugares sempre me xurde a insá teima da comparación e cáeme a alma ao chan ao ver como un lugar que foi tan castigado por aquela terrible guerra se recuperou e mantivo a súa fisionomía respectando arquitectonicamente a súa estrutura e esencia antigas. Vendo este lugar e moitos outros da vella Europa costeira, non podo máis que entristecerme ao ver como están tratados urbanisticamente a práctica totalidade dos pobos da nosa costa galega baixo argumentos difíciles de tragar.
Neste lugar de Normandía que tanto me lembrou a aquela Galicia que puido ser, sobre todo por semellanza coa da Mariña lucense, tamén puiden ver un espectacular cuncheiro de vieiras, como nunca tivera visto. Milleiros de cunchas deste molusco amoreadas nunha praia a carón do pobo que chama a atención dos turistas. Mais para as autoridades de alí constitúen un problema, xa que semellante acumulación cubriu case por completo o areal da praia. A pesar do pequeno que é o pobo é un dos portos máis importantes de pesca da baixa Normandía e onde entran un feixe de toneladas anuais de vieira. Agora todos eses bivalvos son limpados nos barcos en alta mar para procurar liberar esa pequena praia normanda do que xa consideran unha praga. Curioso!
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário