quarta-feira, 13 de novembro de 2019

Cal será o futuro do castelán en Cataluña?

Un estudo no que participan varios investigadores da USC apunta a cambios drásticos se se modifica o actual escenario sociolingüístico.

Un independentista na manifestación unionista en Barcelona trala declaración de independencia de Cataluña
proclamada no Parlament o 27 de outubro de 2017
Un estudo no que participaron catedráticos e investigadores galegos conclúe a boa saúde da convivencia entre o catalán e o castelán en Cataluña, onde este idioma vai gañando prestixio progresivamente e que podería chegar a imporse en Barcelona e a súa zona de influencia.

A investigación estivo ao cargo dun equipo multidisciplinar no que participaron, entre outros, os catedráticos Jorge Mira e Henrique Monteagudo, da Universidade de Santiago. Un dos aspectos novos deste estudo radica no uso de modelos matemáticos para comprobar e predicir se a coexistencia entre ambas as linguas pode ser estable.
O traballo contou con fontes de datos actualizadas do Institut d'Estatística de Cataluña e está baseado "nun século de convivencia lingüística" entre ambos os idiomas, indica a USC. Entre as principais conclusións destaca a "boa convivencia" entre ambas as linguas na actualidade e que o castelán "tenderá a gañar terreo". Neste sentido, os investigadores cren que existe un amplo abanico de circunstancia que permitirían esa coexistencia, aínda que na maior parte delas "obtense certo predominio do castelán", engadiron.
PRESTIXIO DO CASTELÁN
Una das sorpresas, precisamente, saíu do estudo dos datos de Barcelona e a súa área de influencia fronte ao resto da comunidade autónoma. No resto de Cataluña existe o prestixio percibido "é maior para o castelán", a pesar da presenza dominante do catalán, situación que non se dá na cidade mencionada, onde ambos seguen unha traxectoria parella.
Os modelos utilizados predín, ademais, que o castelán seguirá gañando falantes e podería chegar a imporse en Barcelona e na súa zona metropolitana, aínda que a maior parte das proxeccións suxiren que sería viable unha coexistencia entre idiomas ao longo de varias xeracións.
No entanto, os investigadores advirten que esta metodoloxía podería perder a súa capacidade predictiva en caso de producirse algunha situación que alterase o escenario sociolingüístico "de forma drástica", como a independencia de Cataluña, que a zona rexistrase un gran fenómeno migratorio ou a aplicación de políticas lingüísticas "excesivamente agresivas en calquera sentido".



 [Imaxe: Miguel Núñez - fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário