A mostra dedicada ao artista estadounidense incluirá tamén o seu último cadro, terminado uns meses antes de falecer en 1987
Fragmento de «Marilyn Dyptich», de 1962. TATE
Por
Proveniente
dunha familia moi relixiosa, migrante e de baixos ingresos, Andy Warhol logrou converterse na
icona do movemento de arte pop do século XX. Baixo unha mirada máis «íntima», a
nova exposición do museo Tate Modern de Londres fará un percorrido pola
súa traxectoria profesional e persoal. Así o explicou Frances Morris, directora
do museo, na presentación este luns da mostra, quen asegurou que os
visitantes poderán «explorar e comprender desde un contexto contemporáneo» o
traballo de «un dos artistas máis recoñecidos».
Aberta
ao público desde o 12 de marzo ata 6 de setembro do 2020, a exhibición contará
con máis de cen traballos do creador, mostrando algunhas obras que
levan case vinte anos sen ser expostas. Aínda que as pinturas de
Marilyn Monroe e
de botellas de Coca-Cola son os traballos máis famosos de Warhol, a
exposición centrarase noutros temas abordados polo artista como o desexo, a
identidade sexual e a relixión. «As obras de
Warhol falan de inmigración, fe, desexo, morte, identidade sexual, temas moi
recorrentes na actualidade», contou Gregor Muir, director da Colección de Arte
Internacional no Tate Modern. «Existe unha liña moi fina entre o real Andy
Warhol e a persoa que el quería que pensasen que era. Nós queremos ofrecer unha
mirada máis persoal da súa figura pública», engadiu.
Baixo
o nome Ladies and Gentlemen (Damas e Cabaleiros), a
exposición contará cunha sala dedicada integramente a mostrar os retratos que
Warhol fixo a drag queens e mulleres transgénero. Por primeira vez,
mostraranse 25 dos 250 retratos que elaborou, sendo a maior colección xamais
exhibida no Reino Unido ata a data. Durante os anos setenta, Warhol
retratou a drag queens latinas e afroamericanas
que vivían en Nova York «nunha época onde tiñan que facer fronte a aínda máis
axuizamento e acoso que hoxe en día», apuntou Fiontan Moran, comisario
asistente. «A serie invita aos visitantes a reflexionar sobre a complicada
historia da representación queer e trans ao longo da
historia», engadiu.
O percorrido do Tate Modern combina
obras míticas como Latas
de sopa Campbell e Botellas de Coca Cola con outras como o último cadro de Warhol, unha peza de 10 metros de anchura que terminou
apenas uns meses antes de falecer en 1987.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:
Enviar um comentário