- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación do evento que se celebrará do 30 de setembro ao 5 de outubro
- Traduciranse textos a idiomas como o galego, o nepalí, o maltés, o árabe, o portugués e o letón
![]() |
| Obradoiro de Tradución Poética |
A iniciativa arrincará o luns 30 de setembro, Día da Tradución, e desenvolverase ata o 5 de outubro, datas nas que seis autores procedentes de diversos países realizarán un labor de tradución colectiva, presencial e recíproca aos idiomas representados, que nesta edición son o galego, o nepalí, o maltés, o árabe, o portugués e o letón.
Máis polo miúdo, os participantes serán Manal Al-Sheikh (Iraq), Adrian Grima (Malta), Arvis Viguls (Letonia), Rui Cóias (Portugal) e Itisha Giri (Nepal). Galicia estará representada da man de Gonzalo Hermo, único gañador na historia do Premio Nacional de Poesía Joven cun libro orixinalmente escrito en galego.
Unha vez de volta nos países de orixe logo do traballo realizado en Galicia, cada participante dará a coñecer os resultados en revistas especializadas, magazines literarios ou publicacións colectivas, completando o círculo dun proxecto singular que contribúe á divulgación dun xénero referencial como a poesía.
A iniciativa, complétase con dous recitais poéticos en linguas orixinais e con traducións ao galego que se celebrarán o mércores 2 e xoves 3 de outubro.
[Fonte: www.cultura.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário