O Servizo de Normalización Lingüística do Grove xunto coa Concellaría de Promoción Económica, organizan un obradoiro gratuíto de lingua portuguesa. Será o día 20 de setembro e haberá que inscribirse previamente no Servizo de Normalización.
Este obradoiro gratuíto de lingua portuguesa vai “dirixido principalmente ás persoas que traballan na hostalería e no pequeno comercio da localidade”. A finalidade é mellorar as súas capacidades comunicativas “no eido da atención á clientela e para que a lingua sexa vista como un factor de calidade e proximidade”.
As aulas de portugués serán impartidas pola AGAL, Associaçom Galega da Língua. Con este obradoiro tamén se pretende “pór en valor a lingua de Galicia, facendo ver as súas vantaxes competitivas e contrarrestando os prexuízos que a infravalorizan”.
Ao mesmo tempo, quere servir para promover e difundir “as potencialidades que o galego nos achega para a internacionalización, facilitando as relacións comerciais, culturais e turísticas cos países lusófonos, nomeadamente con Portugal, o que constitúe, sen dúbida, un factor diferencial de acollida”.
O obradoiro terá un formato de 120 minutos e nel fomentarase a interacción coas persoas participantes. O que se busca é “facilitar a implicación do alumnado para integrar os diferentes aspectos da exposición”.
As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deben inscribirse previamente no SNL do Concello do Grove enviando un correo ao seu enderezo electrónico: normalizacionlinguistica@concellodogrove.es, chamando ao teléfono 986 733 190 (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 h) ou persoalmente na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey (rúa Monte da Vila, 11).
[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]
Sem comentários:
Enviar um comentário