sábado, 7 de setembro de 2019

A obra gañadora do V Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, de Alfonso Almendros, en Pontevedra


A exposición poderase visitar ata o vindeiro 28 de setembro no Café Moderno Afundación.
Obra de Alfonso Almendros
Obra de Alfonso Almendros


O Café Moderno Afundación de Pontevedra acolle a exposición «To name a mountain», de Alfonso Almendros, gañadora do V Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, certame organizado polo Festival Outono Fotográfico, coa colaboración de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e o patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.
A exposición poderase visitar ata o vindeiro 28 de setembro, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.  
O traballo de Alfonso Almendros entronca á perfección co obxectivo do Premio Galicia Fotografía Contemporánea. «To name a mountain» parte da viaxe que emprendeu o paisaxista Albert Bierstadt en 1863 a través das Montañas Rochosas co seu amigo Fitz Hugh Ludlow. O paisaxista quedou abraiado coa vista da descomunal montaña e fixo varios bosquexos que logo convertería en pinturas. Ademais, foi tomando notas que despois transformou nun libro no que relatou a dificultade de chegar ao cumio, comparándoa coa imposibilidade de obter o amor da muller do seu amigo.
Almendros aprópiase da súa historia e imaxes para falarnos da súa propia, a través de pasaxes da historia da fotografía (Bierstadt foi tamén un dos pais da fotografía), e con recursos plásticos que renden homenaxe ao medio, demostrando a paixón do autor pola fotografía.
Continúa deste xeito a itinerancia desta mostra que xa estivo nas sedes de Afundación de Vigo e Ferrol.

[Imaxe: Afundación. - fonte: www.galiciaconfidencia]


 

 

Sem comentários:

Enviar um comentário