Cúmprense cen anos do
nacemento do escritor pioneiro en reflectir o horror do Holocausto, a voz
dunha testemuña que loitou por conquistar a memória
|
X.
F.
Tal día como hoxe hai cen anos, a cidade italiana de Turín
presenciou como o escritor Primo Levi chegou ao mundo. Nado no
seo dunha familia xudía, pronto esta situación xogaría na súa contra. Logo de
graduarse en Química na universidade turinesa, Levi atopou dificultades para
conseguir un emprego debido ás leis raciais, un conxunto de medidas que o
réxime fascista italiano adoptou en contra dos xudeus. Posteriormente,
o 21 de febreiro do 1944, Levi foi deportado e enviado ao campo de
concentración de Auschwitz. O lugar onde se forxou a súa obra capital: Se
isto é un home.
Tras abandonar Auschwitz en 1945 grazas á liberación do Exército
Vermello, Levi ansiaba contar o que presenciara. Como explica o tradutor ao
galego da súa obra Se isto é un home, Xoán Manuel
Garrido, Levi desexaba «falar por boca doutros, daqueles que non
podían narrar o seu testemuño».
É dicir, «sentía unha obriga ética e moral con esas persoas que,
debido á morte, non tiñan a posibilidade de contar a súa experiencia nos campos
de exterminio», asegura Garrido. Isto é, o escritor italiano arelaba que o
Holocausto non caese no esquecemento. Levi perseguiu que o pavor sufrido por
tantos resultase inesquecible, acadando, deste xeito, que el tamén o sexa.
Primo
Levi, pioneiro
Como explica o escritor Antón Riveiro Coello, autor de Laura
no deserto, unha obra que afonda nos centros de concentración
nazis, «Levi
foi un dos escritores pioneiros en narrar, desde a experiencia, a historia dos
campos de exterminio en primeira voz». «El foi capaz de outorgarlle
unha dimensión concreta a uns acontecementos que escapan á compresión humana»,
expón Riveiro Coello. En verbas de Garrido: «Levi é quen establece a estrutura
de como se ten que escribir o relato do Holocausto».
Con todo, Primo Levi desmitifica a idea de supervivente,
afastándoa da imaxe de heroe: «Na súa obra non hai nada de idealización ou un
carácter melodramático como noutras obras sobre o horror do Holocausto», afirma
Riveiro. «Levi fala do supervivente desde un ton crítico, afondando na cuestión
azarosa daquel que sobrevive a un campo de exterminio»,
describe o autor de Laura no deserto.
Co fin de acadar este obxectivo, o escritor italiano recorreu a
unha «linguaxe
mesurada de testemuña, non de vítima. É dicir, o valor de Se
isto é un home é a ollada espida, dolorosa e limpa que emprega
Levi», asegura Riveiro.
Optimista
e crítico
Se isto é un home complétase
con dúas obras que compoñen a famosa triloxía de Auschwitz: La
tregua (A tregua) e I sommersi e i salvati (Os
afundidos e os salvados). No seu conxunto, en especial a primeira e última,
«reflexionan sobre a convivencia do ser humano», describe Garrido. «A pesar da
barbarie, el seguía mantendo a fe no home, Levi era optimista e fuxía dos
extremismos, nunha actitude antimaniquea», explica o tradutor.
Dita circunstancia derívase de realidades vividas por Levi nos
campos de concentración como a amizade ou a solidariedade. Incluso logrou
sobrevivir grazas á axuda humana. Por outra parte, Levi amosouse crítico con
acontecementos como a masacre de Sabra e Chatila, onde Israel foi considerado
indirectamente responsable. A pesar da súa ascendencia xudía sefardí, el
denunciou ese acto violento e «sempre pelexou pola defensa do feble», asegura
Garrido.
Se o Holocausto é
inesquecible, Levi foi e é necesario: «Este tipo de relatos
axudan a comprendernos a nós mesmos e evitar que volvan acontecer situacións
como estas, que non aparezan movementos que neguen aos demais», conta Riveiro.
E como di Garrido: «Levi é un alertador de conciencias e
perigos». Isto é, Levi é inesquecible.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário