sábado, 10 de agosto de 2019

«O público descoñece a música klezmer pero interiorízaa facilmente»


Por ALEXANDRA MOLEDO 
O cuarteto lucense Kentokaki actuou onte na libraría Couceiro para presentar Odessa Mamma. Este traballo xa saíra á luz no 2008, pero aínda non tiveran oportunidade de presentalo fóra de Lugo. O grupo quere agora dar a coñecer o seu estilo baseado no klezmer no resto de Galicia.

-¿Que caracteriza ao klezmer, moi presente neste primeiro cedé?

-É a música típica do folclore xudeu, pero nós engadímoslle ritmos de Europa do Leste. Odessa Mamma é un disco instrumental de sentimentos que se transmiten a través do clarinete, porque este instrumento pode chorar e rir e parecese moito á voz humana. O klezmer ten unha linguaxe sinxela, pois aseméllase á música popular. O público non o recoñece pero enseguida o interioriza.

-¿Por que decidiches experimentar con este estilo tan descoñecido?

-O clarinetista do grupo, Oleg Dzhevelo, é orixinario de Volgogrado e quixo formar unha banda que tocase os sons que oía cando era novo: o klezmer fusionado cos ritmos da súa zona. O resto dos compoñentes non coñecíamos este estilo. De feito, eu dediqueime durante moito tempo á música electrónica e ao pop. Pero unha vez que coñeces o klezmer xa podes darlle forma e crear novas mesturas.

-¿Que proxectos tendes en mente para os próximos meses?

-Estamos gravando un novo disco no que fusionaremos o klezmer co tango e mesmo coa música tradicional galega.
  
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]



Sem comentários:

Enviar um comentário