quarta-feira, 28 de agosto de 2019

O fenómeno da pirataría a nivel do mar: unha ollada alternativa


Por Rodrigo Alejandro de la O Torres


Ao falar de corsarios, piratas, bucaneiros e filibusteiros é relativamente común traer ao noso maxín escenas de aventuras a través do mar e as costas, de batallas sobre as augas, pero tamén os asedios aos peiraos e incluso unha serie de sucesos onde aqueles personaxes eran protagonistas de romances transgresores de toda norma.
Sen embargo, ese imaxinario romántico tan só é unha dimensión asociada a un complexo histórico que denominaremos como fenómeno da pirataría. Por un lado, a idea central desta frase é propor a identificación dunha historia de mediana e longa duración que tivo as súas propias expresión e dinámicas, as súas propias prácticas e representacións ao longo dos séculos XVI ao XVIII. É dicir, a lexitimidade política e xurídica en torno ao corso, o debate conceptual respecto deste último término fronte ao de pirata, as accións violentas e de contrabando, entre outras. Por outro lado, o fenómeno mantivo nexos con outros procesos históricos. Por exemplo, sabemos que estivo involucrado nas relacións e conflitos políticos e económicos entre a monarquía española e as coroas de Francia e Inglaterra, ademais dos Países Baixos Setentrionais. Do mesmo xeito, coadxuvou ao establecemento da economía-mundo así como da primeira e temperá globalización.
O anterior permite trazar un panorama sobre as múltiples arestas do fenómeno da pirataría. A continuación adicaremos brevemente as seguintes liñas a unha destas dimensións: unha especie de derroteiro para profundar na participación dos nautas franceses, ingleses, neerlandeses na conformación do mundo atlántico. As nosas suxestións descansan na posibilidade de construír historias sociais e culturais relacionadas ca análise espacial. A exposición é un reconto apertado de suxestións que se derivaron de lecturas tanto de bibliografía como de fontes primarias manuscritas e impresas.
Así, un primeiro ámbito estivo situado no marco das disputas entre as potencias europeas polo acceso e emprego do espazo marítimo do Atlántico ante a expansión da monarquía hispánica. En poucas palabras, falamos da loita polo dominio do océano, onde non só se tratou de lograr a hexemonía, senón a posibilidade de entablar diferentes formas de comprender o que era social, cultural, política e economicamente a interminable masa de auga salgada no marco da construción dun mundo global na Idade Moderna. Entón, isto formaría o telón de fondo sobre o cal foi establecéndose formas diferenciadas de facer ou producir espazos marítimos.
Outro campo a tomar en conta refire aos seguintes aspectos: os datos biográficos dos nautas, que incluiría nomes, lugar de procedencia, oficios en terra, idade, entre outros; así mesmo formas de recrutamento, composición humana das armadas, organización do traballo nas embarcacións, ademais de ámbitos da vida cotiá nas naves como as prácticas relixiosas e a condución do navío, naos e demais tipos de cidades flotantes. Trátase de amosar luz sobre quen eran eses anónimos homes que nutriron as tripulacións galas, anglosaxoas e neerlandesas e que atravesaron o Atlántico. Á vez, implica revisar aos persoeiros máis coñecidos pola historiografía como Francis Drake, John Hawkins, Laurent Graff, etc. Aspectos senlleiros e e dispares sobre como eran vistos polas súas propias tripulacións ou como eran definidos pola parte española.



A captura do Pirata Barbanegra (1920), por Jean Leon Gerôme Ferris

É viable incluír a perspectiva de análise espacial en canto a unha condicionante do fenómeno da pirataría: vivir no barco, pero tamén nos litorais. Isto implica atender como mínimo ao seguinte: a) a conformación do espazo marítimo a partir das prácticas de navegación. Isto é tomar en conta as rutas de navais como formas de facer espazos a partir da interacción entre o mar, as costas e o firmamento incluíndo técnicas, instrumentos e o coñecemento da arte de conducir naves a través do océano; b) de como ou en función de que intereses os sucesos foron trazadas as rutas navais das embarcacións no Atlántico. Tanto un coma o outro aspecto permitirían reflexionar respecto á diversidade de espazos marítimos e as relacións entre eles, pero asimesmo do como se vincularon cos entornos costeiros e terrestres.
O anterior concéntrase nas prácticas de navegación como formas de facer espazo y de ser ceñido polo mesmo no séculos XVI e XVII o que, precisamente, coadxuvou a dar vida ao sistema-mundo oceánico do Atlántico. Outros campos básicos dentro do ámbito espacial son as experiencias marítimas conformadas. Dito doutro xeito, o espazo marítimo como susceptible de ser moldeado polas vivencias dos nautas. É posible rastrear as experiencias marítimas na documentación pertinente se por exemplo nos preguntamos sobre o punto de vista dos navegantes en torno ao derroteiro analizado, do como concibiron os espazos marítimos, que incidencias quedaron plasmadas nas testemuñas e cales non, como foron narradas nos diarios de viaxe, como describiron e representaron o medio ambiente e as paisaxes costeiras, as representacións sobre a poboacións de vilas portuarias. A todo elo cabe engadir as relacións pacíficas ou violentas que os navegantes non hispánicos emprenderon cos veciños e demais habitantes dos peiraos do territorio da monarquía. Isto abre outro cúmulo de interaccións sociais, culturais, políticas e económicas sobre as cales retornaremos noutra entrega sobre a historia do fenómeno da pirataría.
[Fonte: www.mazarelos.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário