O libro foi recentemente revisado polo autor e reeditado en español por Turner con motivo do centenario da República de Weimar, establecida o 11 de agosto de 1919
Detalle da colaxe «Corte co coitelo de cociña dadá»
(1919), obra de Hannah Höch,
que ilustra a edición de Turner do libro de Weitz
|
Por H. J. P.
Coa República de Weimar en Alemaña (e non só en Alemaña) pasa a miúdo o que sucede moitas veces coa Segunda República en España (e non só en España), que lla relaciona causal e directamente co ascenso de Hitler ao poder e a instauración do Terceiro Reich, como ocorre aquí cando se culpa ao Goberno republicano do estalido da Guerra Civil e a imposición do réxime franquista.
Parece que fosen unha experiencia democrática indispensable no camiño cara á ditadura máis cruel e abominable. Por iso antóllase tan importante o acceso a unha información veraz e rigorosa, e nesta liña cobra interese a obra do catedrático de Historia estadounidense Eric D. Weitz (1953) A Alemaña de Weimar. Presaxio e traxedia, ensaio revisado e reeditado por Turner con motivo do centenario da República de Weimar, establecida o 11 de agosto de 1919 e que tomou o nome da cidade onde se pactou a súa audaz Constitución: sufraxio universal, igualdade de homes e mulleres, e defensa da liberdade individual [Os redactores foron a Weimar fuxindo do ruído e a violencia que arrasaban Berlín, no medio aínda da revolución alemá de 1918-1919 en que irromperon as masas como suxeito político e factor de modernidade].
O período republicano -entre 1919 e 1933- é fascinante, e non só por un esplendor cultural que favoreceu a aparición de obras de figuras tan imprescindibles como Gropius, Thomas Mann, Weill, Brecht, Otto Dix, Grosz, Fritz Lang... É dicir, o que habitualmente se chama a Alemaña de entreguerras, que viviu un gran apoxeo na pintura, a literatura, a arquitectura, a música e a arte en xeral.
É esa fugaz Arcadia, coas súas luces e as súas sombras, coas súas convulsións políticas e económicas, a que indaga Weitz, e a que, advirte, é un exemplo da fraxilidade da democracia que debe servir para alertar dos riscos que levan ameazas como a que supón hoxe que os conservadores tradicionais lexitimen á dereita racista e radical.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário