Hai tempo respondinlle a un coñecido, que deu por feito a miña querenza por todo o “gallego”, que de certo gustaba dos “galegos” pro éranme indiferentes, e mesmo por veces enfadosos, os “gallegos”, e engadín que tivese en conta que unha soa letra marcaba a diferenza, nada nimia ao meu ver, e a seguir expliqueille a “sutil” diferenza; como expoñerei agora.
En principio poderíase coidar que un “galego” é o mesmo ca un “gallego” e o único que muda é o idioma usado no xentilicio, mais isto, que é valido noutros casos tal que francés ou français, inglés ou english, alemán ou deutsch etc., non o pode ser no noso porque todo un proceso histórico de desprestixio e asimilación lingüística –ende mal aínda operante– o empece. Así ser “galego” na lingua de Galiza ou ser “gallego” na de España leva consigo unhas características intrínsecas, como:
Que a persoa “galega” sempre é bilingüe como mínimo –obrigada pola lei: Constitución Española: artigo 3, punto 1–, en tanto que a “gallega” pode ser fachendosamente monolíngüe –amparada
pola “tradición española” e maila lei–; a primeira obrigada a vivir
usando as dúas linguas oficiais en Galiza e a segunda non, que mesmo se
pode sentir agraviada por deber ter un coñecemento sequera pasivo, aínda
que só sexa superficial, da “lingua propia de Galiza” (Estatuto de
Autonomía de Galicia: artigo 5), como no uso dos topónimos, onde
unicamente son oficiais as formas galegas e como tal figuran nos sinais
viarios.
Verbo destes, incoherentemente
moitos “gallegos” reivindican o uso das formas castelás dos topónimos
galegos, mais aceptando ao mesmo tempo formas plenamente galegas que
escaparon á castelanización, tantas veces
chafalleira. Así reclaman Puentedeume, Puenteceso ou Puenteareas
–exemplo este de castelanización a medias– pro asumen sen problema
ningún Pontevedra; Mellid pro aceptan Maside; Carballino –novo exemplo
de castelanización chambona– pro admiten Camariñas, Porriño ou
Bergantiños; Villagarcía ou Villalba pro tamén Vilaboa ou Vilasantar;
corrixen o sufixo galego en Vivero, Ribera de Piquín ou Porquera pro non
en Ortigueira, Negreira, Oleiros, Cedeira, “Riveira” ou “La Teijeira”;
corrixen o ditongo decrecente en Orense, Arosa, Orol pro non en Outes;
traducen Valle del Dubra ou Valle de Oro pro non Valdoviño; traducen La
Vega, El Pino, Sotomayor, Nieves ou Nogales pro non Carballo, Pereiro de
Aguiar, Boimorto, Cervo, Muíños, Touro ou Verea; e ás veces a
castelanización é unha auténtica mostra de ignorancia que nin sequera se
corrixe: El Grove –chafullada máxima: < Ogrobe < lat. Ocobre,
asumida con tradución pola toponimia oficial: O Grove–; aínda que outras
si, por pura vergoña, e xa ninguén reivindica o ignominioso “Niño de la
Guía” (< Niñodaguia).
Que a persoa galega está orgullosa das súas tradicións folclóricas,
gastronómicas etc., que sempre chama polo seu nome orixinal: “bica”,
“muiñeira”, “augardente”, “entroido”, “filloas”, “polbo á feira”,
“pote”, “leite fritido”; no canto do “gallego”, que traduce ou
simplifica os nomes pra unha mellor comprensión ou pronuncia dos
casteláns: “bizcocho gallego”, “muñeira”, “orujo gallego”, “carnaval”,
“crepes” (pro sen manteiga!), “pulpo a la gallega”, “caldo gallego”,
“leche frita”, e que mesmo pode tentar adoptar tradicións “españolas”
como as “ touradas” –introducidas a finais do s. XIX nas nosas cidades e
vilas– ou a “feria de abril” en Lugo (patrocinada polo ”Círculo de las
Artes”!). Ende ben, aínda non atoparon tradución prá “queimada”, o
“lacón con grelos”, a “rapa das bestas”, os “cachelos”, o “alalá”, as
“chulas”, o “licor café”, o “magosto”, o “albariño” nin o “ribeiro”.
Que
o “galego” ve o mundo dende a súa terra, que se converte na súa
referencia pra comparar co resto do mundo, mentres que o “gallego” o
mira dende España, sendo o estado a modelo referencial. Así
pró “galego” a súa terra abonda pra se identificar ante o mundo, aínda
que a miúdo teña de aclarar a súa inclusión dentro de España, mais pró
“gallego” é demasiado insignificante e cómprelle un territorio máis
extenso, poboado e recoñecido, tamén máis poderoso. Pra este último
Galiza é soamente unha rexión española e pró primeiro unha nación dentro
do estado español, polo que o primeiro se clasifica como un español
nado en Galicia e o segundo como un galego, que por lóxica amais é
español.
A
aceptación e reivindicación da lingua e cultura propias marca a nidia
diferenza na visión que cada galego ten da súa terra e de si mesmo,
independentemente de como considere que Galiza, como entidade política,
ha situarse en España ou no mundo (rexión, autonomía, estado federal,
estado confederal, estado independente). Facelo proclama autoestima
individual e nativa, e negalo ou disimulalo todo o contrario, temos
exemplos abondos deste comportamento social que nas Ciencias Sociais
recibe a denominación de “autoodio”.
Se se compara a nosa dicotomía xentilicia coa que se dá nas outras dúas linguas cooficiais españolas vese que basco/euscaldún ten un claro matiz lingüístico orixinal dado
que “basco” indica propio do País Basco e “euscaldún” indica falante de
éuscaro, polo que se pode ser basco sen falar éuscaro –como ocorre coa
maioría da populación basca– e ser euscaldún sen ser basco como pasa na
zona euscarofalante de Navarra; mentres que o
status prestixioso do catalán en Cataloña fai que todo catalán asuma na
práctica a lingua catalá como parte intrínseca de ser catalán, sendo quizais a
realidade valenciana máis próxima á nosa, onde moitos valencianos non
asumen a lingua valenciana como parte esencial de se sentiren
valencianos.
Pra
rematar, como exemplos egrexios de ámbolos conceptos: Emilia Pardo
Bazán, R. del Valle-Inclán, G. Torrente Ballester ou Camilo José Cela
forman parte dos “gallegos ilustres” –ninguén cuestiona a súa valía–,
namentres que A.R. Castelao, R. Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro ou Isaac
Díaz Pardo son “galegos ilustres”, os primeiros decidiron exercer de
“españois rexionais” e os segundos de “cidadáns da nazón de Breogán”, e
isto non é o mesmo.
[Fonte: www.praza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário