segunda-feira, 17 de junho de 2019

Unha engaiolante experiencia visual

Clara Patiño debuta cunha fantasía colorista que destaca pola súa exuberancia gráfica

Capa de Una Piel Pesada, de Clara Patiño
Capa de Una Piel Pesada, de Clara Patiño


Título: Una piel pesada
Editorial: Fandogamia
Ano: 2019
Una piel pesada (Fandogamia, 2019) supón o inesperado debut da debuxante coruñesa Clara Patiño. Inesperado porque a chegada da autora non foi anunciada por ningunha das canles polas que os novos talentos adoitan darse a coñecer na actualidade: os fanzines, a autoedición, as redes sociais. O factor sorpresa duplica as boas sensacións que transmite o seu primeiro traballo, unha cativadora fantasía construída arredor da exuberancia da súa proposta gráfica.
Nadia, protagonista do relato, emprende unha viaxe na procura de Eius, criatura máxica que matou o seu pai e ceibou unha maldición que ten asoballado o seu reino. Baixo unha aparencia emancipadora, a misión de Nadia agocha un conflito herdado e un mandato de vinganza. No decurso da aventura, a protagonista liberarase das ideas que lle foron inculcadas e adquirirá a súa propia perspectiva sobre os feitos. O coñecemento e especialmente o descubrimento do “outro” transformarán a heroína, facéndoa dona do seu propio destino. Estamos perante un relato de crecemento que mestura a estrutura da viaxe heroica con lugares comúns do conto fantástico. 
A partir dunha brillante definición dos personaxes nos que se albisca a influencia estética da Disney anterior ao predominio dixital (Hercules, Mulan), Patiño vai debullando o relato mediante un alambicado aparello gráfico, cunha elaborada posta en páxina na que o uso expresivo das cores xoga un papel fundamental. Una piel pesada é ante todo unha experiencia visual, un festival cromático que a autora desencadea ante os ollos do lector cunha sabedoría que alguén podería considerar impropia dunha debutante, pero que podemos interpretar tamén coma o contrario, unha demostración de madurez creativa por parte dunha autora que se expón por vez primeira ao escrutinio público. A súa ollada achégaa á recente corrente da fantasía feminist-friendly norteamericana (Nimona, Monstress, She-Ra and the Princesses of Power), un movemento cuxo éxito comercial e creativo está a atraer un público novo á banda deseñada. A súa é unha historia de heroísmo feminino que prescinde de xustificacións e subliñados, e que participa tamén da tendencia actual a resignificar a tradicional figura da princesa de conto. 
Malia a súa aparencia de fantasía escapista, Una piel pesada sitúase na primeira liña da contemporaneidade e permítelle a Patiño amosarse como unha narradora hábil e versátil, capaz de manter o control da narración mentres ceiba a súa requintada pirotecnia visual. Os moitos acertos deste seu primeiro traballo convidan a permanecermos pendentes da súa traxectoria nun futuro próximo.

[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]

 

Sem comentários:

Enviar um comentário