Por FEFA NOIA
En 1984 inaugurouse o Centro
Dramático Galego (CDG) cun Woyzeck de Georg
Büchner, aínda que a proposta inicial fora Divinas Palabras. Daquela,
pouco se sabía de que os herdeiros do autor se ían negar á tradución ao galego
dunha peza escrita xa nun galego castelanizado, ou nun castelán galeguizado.
Esta decisión forzou ao CDG a estrearse con Woyzeck; un texto de calidade
indiscutible, pero, era o máis axeitado para inaugurar a andaina do noso teatro
público?
Dous anos despois, en Vilanova de Arousa, o grupo de teatro
amador Baldadiños, baixo a dirección de Roberto Leal, representaba esta peza. A
idea era que a función tivera lugar ao aire libre, pero a climatoloxía
impediuno e a Casa do Mar pareceu a mellor alternativa. A polémica debeuse
neste caso á interrupción da función que, a raíz de determinados espidos en
escena e ao berro de «Fóra!» e «Indecentes!», protagonizou o patrón maior da
Confraría de Pescadores. As reaccións a favor e en contra non se fixeron agardar.
A compañía pediu que se falara máis da obra e menos da polémica. Pero con Valle
en Galicia este é un desexo difícil de satisfacer.
En 1998 o CDG emprendeu a produción Valle-Inclán 98. O obstáculo:
a obrigatoriedade de facelo en lingua castelá. A consecuencia: a polarización
do sector escénico profesional galego. Que era máis importante, que o CDG
levase a escena a Valle ou que fixese teatro en galego?
No 2017, xa liberados os dereitos sobre a obra do autor,
escolléronse dous proxectos para celebralo: A cabeza do dragón por Quico
Cadaval, que gañou a carreira cronolóxica para ser o primeiro Valle levado a
escena en galego, e a produción propia do CDG Martes de Entroido. Este
espectáculo tamén tivo a súa polémica, con deserción incluída. O que fora ideado
como unha dirección a catro mans converteuse nunha proposta escénica de factura
impecable integramente a cargo de Marta Pazos.
Por fin, no 2018 o CDG puido
producir Divinas
Palabras. Completou ademais a súa xira co paso polo Teatro Español
de Madrid, testemuña da estrea mundial desta peza en 1933, baixo a dirección de
Rivas Cherif, con Castelao na escenografía e a Xirgú no papel de Marigaila. E
así chegamos a Divinas Palabras Revolution, con dirección de
Xron e nova polémica servida. Nesta montaxe partiuse da desmembración para
crear un Frankenstein, -un reality show ao modo de Grande
Irmán- verdadeiramente elocuente para pór diante de nós, público do
século XXI, o espello que reflectira o noso interior.
Levamos falado de cinco postas en escena de Valle-Inclán nos
escenarios galegos, seis se contamos esa primeira que non foi. Seis proxectos
artísticos para constatar que, sempre que se montou a Valle no noso territorio,
xurdiu unha nova polémica na paisaxe teatral galega. Permítanme pois que
imaxine a un Valle desgonzado, pero aínda con aires de Don Juan, rindo a cachón
entre bambolinas por ter sido capaz de abrir de novo a caixa de Pandora dos
díxome-díxomes, e sementar a confusión do latín ignoto das Divinas
Palabras.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário