A navegación pola web estase a tornar máis e máis complexa para as embarcacións de menor tamaño en competencia con transatlánticos como o inglés. Alén diso, está o xigante tecnolóxico estadounidense a soprar vento de proa cara a nosa lingua? Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza, xa dispoñíbel na loxa.
Por FERNANDO ARRIZADO
Na última edición de Cantos da Maré, o festival internacional da lusofonía que se desenvolve en Pontevedra desde 2003, a organización quixo inserir un anuncio publicitario no buscador de Google. Un servizo que a compañía estadounidense xestiona a través da súa plataforma Ads, a antiga Adwords, e que é a súa principal fonte de ingresos. O problema chegou cando o sistema lles comunicou que o anuncio non fora aceptado ao enlazar cunha web en galego, “idioma non dispoñíbel”.
É tan só unha mostra da situación pola que están a pasar as webs escritas na nosa lingua dentro, ademais, dun contexto monopolístico de Google: de non saíres en Google, non existes. E para saír e ben arriba nas buscas hai dúas maneiras de facelo: de forma natural ou pagando.
Esta segunda opción está, polo de agora, vetada, o que para Marcus Fernández, directivo da asociación PuntoGal e webmaster do veterano diario tecnolóxico Código Cero, supón “unha gravísima desvantaxe competitiva. “Estamos a padecer a consecuencia de ter un ecosistema dixital que discrimina o galego, pois Google considera os galegos hispanofalantes, mentres que a lingua galega ten un interese moi reducido, até o punto de non poder facer uso da plataforma publicitaria de Google”.
Desbotada a opción de pago, quedaría a forma natural, pero tamén aquí as páxinas en galego están a padecer problemas para aparecer nos primeiros resultados da busca. Precisamente Marcus Fernández foi un dos primeiros en alertar desta situación en 2008 e advirte de que non mudou máis dunha década despois.
“Google discrimina claramente a nosa lingua desde 2008, cando de súpeto comezaron a experimentarse importantes caídas nas webs en lingua galega que podían atribuírse á súa perda de peso nos resultados de busca. Naquel momento daba a impresión de que o feito de que as usuarias e usuarios galegos accedesen a Google a través do buscador en español pasou a ter máis importancia nos resultados; aínda que buscásemos expresións escritas en galego, Google daba prioridade aos resultados en español”, explica.
Google non é unha ONG
“Rendibilidade” “Google non é unha ONG”, sentencia Xavier Rolán, doutor en Comunicación e marketing dixital na Universidade de Vigo e experto en novos formatos publicitarios, que comparte a opinión de Fernández. Rolán remite a unha análise realizada en 2010 por outro experto na materia, o profesor da USC Manuel Gago, no artigo “Os novos e escuros mediadores” no seu blog, CapítuloCero.
“Constata empiricamente que cada un dos cambios que fai Google no seu algoritmo prexudican a lingua galega”, di, e incide en que a compañía estadounidense considera o galego “unha lingua que non é rendíbel en termos económicos”.
[Imaxe: Google - fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário