quinta-feira, 6 de junho de 2019

A RAG reclama o ensino do portugués nas escolas galegas para gañar "proxección exterior"

 Víctor Freixanes, durante a súa intervención na Universidade Federal Fluminense
Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, interveu este mércores no “I Seminário Internacional para Estudos Lingüísticos. Galego e Português: o passado presente”, que se celebra estes días na Universidade Federal Fluminense (Niterói). Neste marco, Freixanes subliñou que o galego "non é unha lingua local" e defendeu "a irmandade co portugués para gañar proxección exterior". A axenda da visita da RAG ao Brasil continúa este xoves cun encontro na Academia Brasileira de Letras.
Freixanes reclamou unha “estratexia ambiciosa” por parte dos responsables da realidade política, cultural e institucional e fixo especial fincapé no mundo do ensino. “Temos que reivindicar o portugués nas escolas como lingua irmá. Non para substituír o galego, senón para apoiarnos nel cara á proxección exterior”, salientou, e lamentou a escasa implantación do portugués nas escolas e institutos, malia a aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia, en 2014, da denominada Lei Paz Andrade.
O presidente da RAG subliñou que o galego "non é unha lingua local", como xa destacara hai uns meses durante a sinatura dun acordo entre a Academia Galega coa Academia Brasileira. O galego é “unha marca de modernidade que nos sitúa no mundo e nos dá algo fundamental: identidade de noso”. Pero a esta utilidade interior súmaselle en plena globalización a “utilidade na dimensión exterior, na capacidade de relacionarse con outros espazos e culturas”, dixo.
"A cultura galega, cun mercado interior pequeno, non debe apoiar a súa estratexia no cuantitativo, senón na excelencia" e na “creatividade e a capacidade de comunicación” para incrementar a súa proxección exterior, di a RAG, que engade que neste reto "conta co apoio da proximidade do galego ao portugués, que debe ser aproveitada". “A lingua dános un sitio no mundo. Dende a lingua galega, con ben pouco esforzo, eses rapaces e rapazas do novo século, os novos creadores, póñense en comunicación con centos de millóns de persoas en diversos continentes da man da gran familia galego-portuguesa. Neste punto é onde temos a obriga de profundar para non perder as oportunidades, mesmo facendo pedagoxía social entre nós, porque non todos os galegos e galegas son conscientes desta riqueza”, expresou Freixanes na súa intervención.  
O presidente da RAG defendeu igualmente a necesidade de desenvolver “maiores e mellores comunicacións de todo tipo” cos territorios de fala portuguesa, desde Portugal ou Angola ata o Brasil. A axenda de actos dos membros da Academia arrincou o martes cun coloquio sobre a lingua e a cultura galegas na Universidade Federal do Rio de Janeiro. Víctor F. Freixanes, Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo foron presentados polo presidente da Academia Brasileira de Letras (ABL), Marco Lucchesi, quen os recibirá no tradicional “chá dos académicos” que esta institución celebra todos os xoves. A xuntanza terá lugar cinco meses despois de que a RAG e a ABL asinasen na Coruña un acordo de amizade e colaboración para estreitaren a relación entre a área cultural e lingüística galega e a brasileira.

[Imaxe: RAG - fonte: www.praza.gal] 

Sem comentários:

Enviar um comentário